Santiago será o escenario os próximos 28 e 29 de xuño de dúas actividades culturais que procuran a loita contra os discursos do odio dirixidos ás mulleres xitanas.

O 28 de xuño ás 19h a Libraría Lila de Lilith recibe ás integrantes do podcast Castañas no verán que serán as encargadas de moderar unha tertulia entre as activistas e escritoras Pastora Filigrana e Lola Cabrillana. O 29 de xuño ás 20h o Teatro Principal acolle, grazas ao apoio da Concellería de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, a obra No soy tu gitana de Teatro del Barrio protagonizada por Silvia Agüero, activista e escritora. Estes eventos organízanse no marco do proxecto “Muda o conto: Mocidade contra o discurso do odio en redes sociais” financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia.

O antixitanismo é, segundo a Federación de Asociaciones de Mujeres Gitanas Universitarias (FAKALI), “o concepto de referencia para definir a discriminación e o racismo específico que soportan as persoas xitanas. É un problema estrutural e é o núcleo e a causa principal da desigualdade e o maltrato que recibe a poboación xitana historicamente”. Definir o antixitanismo como “estrutural”, apuntan, “indícanos que se dá en calquera esfera xa sexa política, mediática, académica, xudicial, sanitaria, económica e social; e afecta de xeito transversal a tódolos ámbitos da vida das persoas xitanas, colocándoas sistematicamente en espazos de pobreza, olvido e marxinalidade”.

A rede, como mundo transversal a todos eses ámbitos da vida, é un espazo no que o antixitanismo se expande con liberdade e descontrol. O Informe Antigitanismo Informativo 2022 de Rromani Pativ apunta que 7 de cada 10 publicacións en Internet e o 30% dos contidos en medios de comunicación referidos á comunidade conteñen antixitanismo implícito. Pola súa banda, o Informe Anual “Discriminación y Comunidad Gitana” 2023 elaborado pola Fundación Secretariado Gitano recolle 68 casos de discriminación en medios de comunicación, a meirande parte deles novas onde “se fai mención á etnica das persoas en casos de violencia, delincuencia ou criminalidade” e 217 casos de odio en redes sociais, 28 máis que o ano anterior.

O ámbito educativo amosa tamén altos índices de antixitanismo. Poñendo o foco na comunidade galega, un estudo realizado por AGARESO no 2023 que analizou o discurso de odio nas aulas de secundaria, apunta a que a poboación de etnia xitana é a que recibe unha maior porcentaxe de comentarios que teñen como base un estereotipo (o 85%). No caso dos construídos cara as mulleres xitanas, destaca a presenza de estereotipos negativos como “conflitivas, problemáticas, violentas, ladroas ou malas estudantes”.

Segundo apunta Fundación Secretariado Gitano a articulación xénero-discriminación racial no seu traballo para loitar contra o antixitanismo é fundamental. En FAKALI, tamén o teñen claro: “Las mujeres gitanas no tenemos una doble discriminación, sino triple: por ser mujeres, por ser gitanas, y en muchas ocasiones por ser pobres”, apunta Alejandra Moreno, técnica en discriminación, igualdade e xuventude, nunha entrevista realizada para o proxecto.

Por todo isto, a cuarta edición do proxecto “Muda o conto. Mocidade contra o discurso do odio en redes sociais” puxo o foco este 2024 en traballar esta discriminación. Para facelo, o programa pon en marcha tres liñas de acción: o traballo man a man co colectivo implicado, formación de alumnado estudante de comunicación e sensibilización a través dunha campaña.

 

#mudandooconto contra o antixitanismo de xénero en Compostela

 

28 de xuño ás 19h na Libraría Lila de Lilith – Podcast-coloquio: Mudando o conto contra o antixitanismo de xénero coa participación das activistas e escritoras Pastora Filigrana e Lola Cabrillana. O podcast do voluntariado de AGARESO Castañas no verán será o encargado de moderar e recoller unha tertulia sobre novas formas de contar a comunidade xitana entre Pastora Filigrana, avogada, activista e escritora e Lola Cabrillana, maestra, activista e escritora. Ambas falarán tamén dos seus libros: El pueblo gitano contra el sistema-mundo. Reflexiones desde una militancia feminista y anticapitalista (Pastora Filigrana) e La maestra gitana e Las cuatro esquinas del mar (Lola Cabrillana)

29 de xuño ás 20h no Teatro Principal – Obra No soy tu gitana de Teatro del Barrio. Protagonizada pola activista e escritora Silvia Agüero, No soy tu gitana é un monólogo no que se deconstrúe a histórica imaxe pública das mulleres xitanas. A entrada é de balde pero selada. A taquilla estará aberta dende unha hora antes de comezar o evento para adquirir a entrada