
Xeración Contrainfo é un proxecto de Educación para o Cambio Social impulsado por Agareso, co financiamento da Xunta de Galicia e co apoio de varias entidades sociais e dos institutos de Educación Secundaria IES Milladoiro, IES de Soutomaior e IES Politécnico de Vigo. Naceu no ano 2022 como resposta á radicalización dos discursos de odio entre as e os adolescentes, que segundo relataban as e os docentes e os colectivos afectados estaban provocando un clima de polarización social nas aulas e uns altos niveis de intolerancia e de agresividade cara aos colectivos excluídos, as persoas migrantes e racializadas, as persoas xitanas e as persoas do colectivo lgtbiq+, ao que hai que engadir a transversalización da discriminación por xénero. Polarización, intolerancia e agresividade que, lamentablemente, no 2025 xa se fixo visible no conxunto da sociedade.
O obxectivo macro do proxecto, dende a súa primeira edición, é atallar a raíz do mecanismo que xera estes discursos de odio, que medra vizosa nun contexto de escasa alfabetización mediática e consumo abusivo de contidos dixitais, regada polo uso que grupos extremistas fan da situación, investindo grandes sumas de cartos en campañas globais que promoven a predisposición da adolescencia cara a posicións intolerantes e radicalizadas.
Para conseguilo, o proxecto divide a súa proposta en varias liñas de actuación, que nesta cuarta edición serán as seguintes:
1. Actualización dos datos sobre a presenza dos discursos de odio nos centros de Secundaria de Galicia, que Xeración Contrainfo ven elaborando, dende a súa primeira edición, certificando a existencia dun nivel elevado de racismo entre o alumnado de Secundaria, a inseguridade que sofren as persoas do colectivo LGBTiQ+ nos nosos institutos, e a fenda ideolóxica existente entre as rapazas e os rapaces que habitan os institutos galegos.2. Revisión das metodoloxías de educomunicación elaboradas polo equipo do proxecto para traballar contra a o racismo, a LGBTiQfobia e misoxinia nas aulas, dende unha perspectiva interseccional, feminista e antirracista.
3. Posta en práctica destas metodoloxías en 3 centros galegos, o IES do Milladoiro (Ames), o IES de Soutomaior e o IES Politécnico de Vigo. En total uns 200 alumnos e alumnas participarán en 3 obradoiros de 100 minutos nos que serán conscientes dos estereotipos nos que se basean os discursos de odio e producirán os seus propios materiais contradiscursivos.
4. Traballaremos con docentes de Secundaria e Universidade, de xeito transversal ao longo de todo o proxecto. Celebraremos sesións de recollida cualitativa de información ao principio do proxecto, escoitando como está a afectar á docencia a proliferación de discursos de odio nas aulas, e, despois de revisar e aplicar as metodoloxías, transferirémoslles os coñecementos e ferramentas, para que poidan darlle continuidade ao traballo directo co alumnado. Farémolo, por suposto, nos IES e Universidades participantes, pero abriremos tamén esta colaboración a outro profesorado que estea interesado en traballar estas temáticas, a través do CAFI e de sindicatos de docentes que amosaron o seu interese por participar neste proceso, como STEG ou CIG Ensino.
5. Seguiremos traballando, tamén, coas 3 universidades galegas. Transferiremos as aprendizaxes do proxecto ao alumnado das facultades de Educación da Universidade de Santiago de Compostela, da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo, ofrecendo unha formación específica ao alumnado dos Máster de Secundaria.
6. Finalmente, deseñaremos e implementaremos o XVI Curso de Especialización Universitaria Comunicar para o Cambio, na facultade de Comunicación da Universidade de Vigo, co obxectivo de axudar as e aos profesionais presentes e futuros da comunicación e das ONGDs galegas a analizar as consecuencias da propagación do discurso do odio nos medios e redes e a comprender como o interpreta a xente máis nova.
7. A visibilización das aprendizaxes obtidas e do traballo realizado ao conxunto da sociedade galega estará presente ao longo de todo o proceso, cunha campaña de comunicación en web, redes e medios de comunicación. Farémolo, man a man con Xornalistas Galegas e co Colexio de Xornalista de Galicia.
Xeración Contrainfo é un proxecto fortemente imbricado con axentes e actores de sectores diversos o que supón un reto de integración do traballo que desenvolven institucións formais como a Consellería de Educación, as tres universidades públicas galegas ou os tres IES participantes, ou entidades tan estables como o Colexio de Xornalistas ou sindicatos de docentes como STEG ou CIG Ensino, sen embargo AGARESO considera que esta pluralidade de voces na loita por un obxectivo común é, en grande medida, o maior acerto do proxecto dende a súa definición inicial.