“A xente que me molestaba facíao porque era unha maneira de desafogarse”, afirmou Mbaya Gueye, unha xoven senegalesa residente en Galicia dende hai xa nove anos, no medio dunha exposición acerca das causas do acoso e maltrato que sufriu pola súa condición de persoa migrante e racializada ou por ser, como ela mesma recalcou, “a única que non sabía defenderse”.

Estas foron algunhas das reflexións que xurdiron en torno á mesa redonda deste luns que formou parte da primeira sesión do Curso de Especialización na Comunicación para o Cambio Social que deu comezo na Facultade de Comunicación da Universidade de Vigo (Uvigo), no campus de Pontevedra. Alí, durante as próximas catro semanas, terán lugar as sesións deste ciclo formativo organizado pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO), divididas en catro bloques temáticos: discurso de odio, lgtbifobia, medio ambiente e migracións.

Son os eidos escollidos para poñer o foco dunha proposta que hoxe deu comezo cunha sesión inaugural a cargo do coordinador do curso, Antonio Grunfeld; e que contou ca participación da decana da facultade, Emma Torres, quen valorou a importancia de darlle un peso específico aos contidos de índole social no programa formativo da universidade. Así mesmo, contouse ca presenza de alumnos de edicións anteriores, que compartiron cos novos participantes claves da súa formación e da súa viaxe sobre terreo para practicar os conceptos traballados no curso.

Con todo, o centro da xornada de hoxe virou en torno á mesa redonda protagonizada por Mbaya Gueye e por Diana Viveros, dúas mulleres migrantes que tomaron a palabra como afectadas en primeira persoa polo discurso de odio racista e machista.

O papel dos medios de comunicación, a desigualdade social que fai que afloren este tipo de comportamentos, a irresponsabilidade política ou o papel das novas ferramentas tecnolóxicas na propagación destes discursos foron algúns dos temas tocados ao longo desta charla, na que houbo tamén espazo para que as protagonistas partillaran as súas experiencias.

“En moitas ocasións sinto que me queren saúdar só para saber como é que eu, negra, sigo aquí”, declarou Diana, quen leva en Galicia preto de dous anos e que contou dende as súas dificultades para validar as súas titulacións académicas ata as dificultades para acceder a un emprego ou a un contrato de alugueiro de vivenda.

Pola súa parte, Mbaya falou do seu difícil paso pola ensinanza obrigatoria, onde foi vítima de acoso por parte dos seus compañeiros de instituto sen que a dirección do centro intervira ou tomara medidas relevantes ata que a denuncia dun cidadán -testemuña dunha agresión racista en plena rúa- forzou un cambio na súa situación.

A falta de redes de apoio comunitarias, a importancia de ter plataformas que lles dean voz e amplifiquen as súas reivindicacións ou como afectou a mirada allea á súa autopercepción foron tamén algúns dos asuntos abordados na mesa redonda desta primeira sesión do curso de especialización.

En calquera caso, ambas as dúas mulleres coincidiron en describir como “positivo” o seu proceso de chegada e integración na sociedade galega, malia as dificultades atopadas. Tanto Mbaya como Diana foron participantes de Xeración Contrainfo, un proxecto de educación para o cambio social impulsado por AGARESO co obxectivo de atallar os mecanismos que xeran os discursos de odio, centrado na alfabetización mediática do alumnado de Secundaria.