Onte celebrouse a segunda sesión do Seminario “Xornalismo Social e Cooperación Internacional” organizado por Agareso e por Asemblea de Cooperación pola Paz, que se centrou no ámbito da cooperación. Durante as primeiras dúas horas da formación, Alejandro Quiñoá, delegado de ACPP-Galicia, encargouse de explicar a evolución histórica da cooperación. Partindo dende o xurdimento do concepto de “Terceiro Mundo” como forma de nomear aos países non aliñados cos bloques capitalista e socialista trala Segunda Guerra Mundial, pasando pola evolución das organizacións adicadas á cooperación, primeiro asistencialistas e despois o xurdimento das ONG´s para o desenvolvemento, e rematando coa situación financiación pública ofrecida polos estados a este tipo de proxectos, proporcionou ao alumnado unha base sólida para comprender a situación actual da cooperación.

Tras unha breve pausa, durante a segunda parte da sesión uníronse á Asamblea de Cooperación pola Paz representantes de tres organizacións máis que tamén traballan en materia de cooperación para o desenvolvemento: Médicos sen Fronteiras, Arquitectura sen Fronteiras e Enxeñería sen Fronteiras. Despois dunha breve explicación sobre o traballo realizado por cada unha destas ONGD´s abriuse a quenda de preguntas, onde as persoas asistentes puideron facer todo tipo de cuestións e resolver todas a súas dúbidas tanto sobre o desenvolvemento dos proxectos como sobre o proceso de comunicación dos mesmos.

A sesión da próxima semana sairá da facultade de ciencias da comunicación, xa que os alumnos e alumnas terán a oportunidade de visitar un proxecto en activo levado a cabo por Igaxes e recibirán, ademais, a visita de Roi Guitián e María Lobo, voluntarios e técnicos de educación para o desenvolvemento de Agareso.