Un ano máis, o Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional deu comezo na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Antonio Grunfeld, coordinador do mesmo, foi o encargado de abrir a sesión destacando que “este ano é o máis completo, conseguimos unha oferta moi boa de poñentes”. Cedeu a palabra a Xosé Ramón Pousa, decano da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, ao que seguiron Alejandro Quiñoá (delegado de Asemblea de Cooperación pola Paz en Galicia) e Rocío Cadahía (presidenta de Agareso). 

Quiñoá resaltou que, dentro do gremio da cooperación, “é importante comunicar ben os  nosos proxectos, temos que transmitir a realidade e a dignidade das xentes do sur, non  nenos con brazos raquíticos e bandullos inchados”. Cadahía, pola súa banda, fixo case unha arenga cara aos seus oíntes, pois puxo de relevo a “semente” que teñen no interior ao apuntarse ao proxecto. “Oxalá este Seminario vos sirva para que esa semente prenda e  poidades dando guerra polo cambio social dentro duns anos nos medios de comunicación ou en todo proxecto que teñades por diante”, sentenciou a presidenta de Agareso.

Feitas as presentacións, chegou a quenda das alumnas e alumnos, que expresaron os seus motivos para inscribirse ao proxecto. Repetíanse ideas, como o feito de que antes deste Seminario a Facultade de Comunicación non lles dese a posibilidade de tocar a rama social, e repetíanse tamén inquietudes, pois moitos dos máis novos dicían apuntarse ao Seminario para coñecer máis en profundidade a área social do xornalismo e tela en conta como saída laboral.

O protagonista desta primeira sesión foi o xornalista radiofónico Juan de Sola, experto en Radio Comunitaria e locutor de Ondacero. As súas palabras ocuparon o tema, precisamente, da Radio Comunitaria desde un enfoque de dereitos humanos e cooperación, e atendendo tanto a aspectos teóricos como a prácticos. A través de Skype, Óscar Pérez (El Salvador) e Wendy Quintero (Nicaragua) uníronse ao relatorio, expoñendo a súa visión sobre o asunto e compartindo a súa experiencia. Grazas a estas intervencións, os e as alumnas e alumnos descubriron unha visión internacional da Radio Comunitaria, facendo fincapé en Latinoamérica, lugar onde existe unha gran actividade dentro deste sector. Juan de Sola destacou que a través da experiencia radiofónica “moitas persoas reciben unha oportunidade para participar nun proceso comunicativo que xera un notable resultado de empoderamento”. Óscar Pérez e Wendy Quintero, desde El Salvador e Guatemala, pivotaron nas súas intervencións sobre as dificultades legais e e sociais que teñen que atravesar as Radio Comunitarias no continente americano.