As mulleres trans nos países empobrecidos: O caso do Brasil e a súa ruta sen volta atrás cara a explotación sexual

por Andrés Vázquez

No ano 2005 publicou Antonio Salas o seu segundo libro, O ano que trafiquei con mulleres, logo do superventas Diario dun skin, que trataba sobre as redes neonazis españolas. Cun título tan forte coma ese, a segunda obra do coñecido xornalista de investigación puxo de manifesto, dende dentro, a forma de operar das mafias que a nivel estatal trafican con mulleres para prostituílas. Salas empregou as súas dotes de infiltración para chegar ao fondo do asunto, unha estratexia que hoxe lle obriga a vivir no anonimato, baixo as ameazas de morte dos mafiosos.

As palabras escritas polo xornalista nos primeiros anos do século XX evidenciaron que dende había anos operaban en España numerosas redes de prostitución que poñían ás mulleres novas de países empobrecidos no punto de mira dos traficantes, sendo unha presa accesible para eles. Moitas daquelas mulleres que migraban eran (e son) mulleres trans, unha parte do colectivo que acumula a opresión social e a económica, unha tras outra. Ao pesadelo de non ter para comer ata o punto de chegar a ter que vender o seu corpo, esa muller atopa o rexeitamento da sociedade do seu país por non encaixar dentro dos roles de xénero. E non só a nivel tan macro, pois estas persoas tamén atopan problemas para sentírense cómodas dentro das súas propias familias, que moitas veces as rexeitan das maneiras máis hostís.

A saúde física e mental, con este terreo de xogo que se lle presenta a unha persoa trans do Sur global, faise un ben practicamente imposible de acadar. Xa en Europa ou Norteamérica é complexo o proceso de acceso á saúde, malia ter leis que buscan garantir os dereitos das persoas trans, en África ou na maioría dos lugares de Asia e América Latina a atención sanitaria correcta faise inimaxinable. Dependendo dos países existen mellores ou peores situacións legais, mais na meirande parte do continente africano, por comezar por algún sitio, “as personas trans atopan criminalización institucional e rexeitamento ao acceso aos servizos básicos de saúde”. Así o afirma o informe Perspectivas trans globales en saúde e benestar: Informe comunitario TvT, publicado en decembro do 2018 por Transrespecto versus Transfobia no Mundo (TvT) unha iniciativa de investigación sobre as persoas trans a nivel mundial creada por Transgender Europe, organización fundada ao abeiro da Unión Europea. Volvendo ao caso, en África son excepcións Sudáfrica e Botsuana, aínda que están lonxe de seren referentes, pois existe a terapia hormonal para persoas trans medicamente supervisada pero require “un diagnóstico psiquiátrico” previo.

Asia non escapa desa norma, pois as súas sociedades conservadoras fanlles moi complexo as persoas trans o acceder á saúde e aos recursos económicos, ao non estar vixentes leis que teñan en conta os seus dereitos. A invisibilización é a norma en Asia, que trata coma un cero á esquerda a todo o colectivo LGTBI+ agás casos moi puntuais. Taiwán e unha desas anomalías, ao ser o primeiro país asiático en dar luz verde ao matrimonio igualitario. O outro caso que racha coa norma é o de Tailandia, un país que mesmo recoñece a existencia dun terceiro xénero, o masculino-femenino, encarnado en varóns de nacemento que viven baixo os roles de xénero femininos. É alí onde se realizan a meirande parte de operacións de reasignación de sexo do continente. Malia a aparente aceptación, unha vez feito o trámite, a vida para os kathoey (estes integrantes do terceiro xénero tailandés) non é tan sinxela, pois é común que un gran numero rematen gañando o pan a través da prostitución.

En América Latina as leis avanzan antes que as mentalidades. Estados como o chileno ou o arxentino teñen implantadas normativas que favorecen a situación da poboación trans, tanto no eido sanitario como no legal. Non obstante, dentro do subcontinente atópanse os países cun maior número de casos de persoas trans asasinadas. Débese ter en conta que antes de chegar a ese extremo existen unha chea de banzos, que van dende o acoso escolar ata as agresións sexuais. O apoio ás persoas trans é tan baixo que máis da metade delas son expulsadas dos seus propios fogares, segundo a Rede Latinoamericana e do Caribe de Personas Trans. É importante subliñar que non é que noutros lugares non se produzan asasinatos contra persoas trans, é que as persoas trans son aínda menos visibles neses lugares ou que, sinxelamente, ninguén se fai eco deles, nin medios de comunicación nin a sociedade a nivel máis amplo.

Deste xeito, non é casual que moitas destas persoas teñan que acabar, como se dicía ao principio desta reportaxe, caendo nas mans dos proxenetas, que lles venden un futuro en Europa. Na rúa, expulsadas da súa casa, moitas nenas trans rematan por ser asasinadas mentres exercen a prostitución, a vía máis rápida para elas na difícil tarefa de buscar sustento. É un caso moi significativo o do Brasil, país que concentra a meirande parte dos asasinatos de persoas trans reportados a nivel mundial nos últimos anos.

Preto del están o resto de países de Latinoamérica, con México e Colombia no retorvisor do Brasil. Os Estados Unidos son tamén outro dos territorios a ter en conta, ao representaren o 7,4% dos asasinatos tránsfobos do mundo, segundo datos de Transrespeto versus Transfobia no Mundo (TvT). Alí, no ano 2020, o 79% das persoas asasinadas estaban racializadas, mentres que observando o total de datos mundiais é posible divisar unha clara tendencia dos asasinos a perseguir ás mulleres trans, que representaron o 98% das mortas.

De novo no Brasil, e co foco sobre este último ano, a Rede Nacional de Persoas Trans publicou en febreiro do 2021 o informe Transfobia: A Pandemia que o Brasil Ainda Não Extinguiu e o Isolamento Social que Conhecemos, no que se analizan os datos de asasinatos violentos e suicidios de persoas trans. Son moitas as cifras interesantes que ven a luz no estudo, como a xuventude daquelas ás que lles quitaron a vida de forma prematura, de xeito directo ou indirecto. Os grupos poboacionais máis afectados foron, sen dúbida, os que se atopan entre os 15 e os 30 anos, deixando claro que o Brasil é un país hostil para aquelas mulleres trans que queren ter un futuro.

O xénero destas palabras é o feminino, pois o das falecidas tamén o era. A meirande parte dos asasinatos foron feitos contra mulleres trans ou travestis transfemininas no pasado 2020, algo que se vén repetindo dende que hai rexistros. Estes dous colectivos dentro do colectivo representaron o 96% do total de persoas que perderon a vida. Son asasinatos feitos na rúa, en zonas urbanas, contra persoas novas… A maioría delas, prostitutas. 

Non lles queda outra, por dicilo dalgún modo. No Brasil, segundo este informe que se está a citar, son moi poucas as persoas trans que acceden a estudos superiores. Na escola brasileira non se ten en conta esta xente, que non atopa o seu lugar dentro do sistema educativo. “Está pensado dentro da estrutura binaria de xénero”, afirma Adriana Lohanna dos Santos, mestra e experta en xénero e sexualidade na educación, que inclúe un artigo de opinión dentro do informe. Así, dende o punto de vista administrativo, queda claro que nin as persoas trans con apoio familiar teñen sinxelo o lograr un oco dentro do sistema, polo que non podemos imaxinar aquelas que, ademais, teñen que vivir na rúa. E se dende o foco administrativo poñen as cousas complicadas, a sociedade e o alumnado cisxénero aínda deixan o camiño máis enlamado para aqueles seres humanos que non encaixan dentro dos vellos roles de xénero.

Coas mulleres trans empobrecidas e sen recursos educativos que lles permitan ser contratadas nalgún posto de traballo, ademais de cheas de medos por viviren soas e na rúa, exercendo a prostitución, expostas a violacións e asasinatos, os proxenetas téñeno demasiado sinxelo para lograr enganar máis dunha rapaza subíndoa a un avión e prometéndolle unha vida estable e tranquila na civilizada Europa a cambio dunha débeda, segundo lles din, sen importancia. Tal e como relata Antonio Salas naquel célebre O ano que trafiquei con mulleres, cando os voos van aterrando nas terminais europeas, as mulleres comezan a vivir o mesmo pesadelo que nos seus países de orixe, so que cunha débeda pendente que nunca remata e producindo ingresos para un traxeado empresario de ben.

Non é nada novo, pois dende hai cincuenta anos levan chegando mulleres trans e travestis a Europa, primeiro a Italia e logo a Francia, sendo aeroportos de confianza para as mafias os de Roma, Milán, París, Londres ou, por suposto, Madrid e Barcelona. Así o afirma o informe O círculo vicioso da violencia: persoas trans e xénero-diversas, migración e traballo sexual, desenvolvido por Transrespeto versus Transfobia en el Mundo (TvT) en colaboración con Transgender Europe e publicado en 2017. “Para moitas persoas trans brasileiras, ser traballadorx sexual en Europa da prestixio, polo capital material e simbólico que se adquire, sinalizando unha distancia da discriminación, estigmatización e marxinalización á que estan sometidxs no Brasil”, pódese ler no estudo, dentro dun apartado dedicado ao país do ordem e progresso especialmente.

Sinxelamente, para unha perfecta compresión do problema dende as propias verbas que figuran no reporte, reproducimos un anano do mesmo:

O proceso de migración empeza no propio país. Expulsadxs dos seus fogares, as persoas trans móvense dende todas as rexións ás grandes capitais, especialmente São Paulo, un lugar que pode ser definido como un curso preparatorio para Europa. Desde idades temperás, aprenden de parte dxs máis  experimentadxs que Europa é o mellor lugar para gañar diñeiro, acceder a servizos de afirmación de xénero e expresarse libremente.

Cando xs  migrantes  trans brasilerxs chegan a Europa, son recibidxs e abrigadxs conforme a un acordo predeterminado que inclúe transporte, comida e hospedaxe. Isto non é o mesmo que tráfico, xa que as condicións financeiras foron acordadas por ambas as partes. Aínda así, a explotación ocorre frecuentemente, con moitas persoas chegando a Europa sen moita información, sen saber o idioma, sen diñeiro ou lugar onde quedar, e desenvolvendo unha débeda e obrigación de pagar, mentres que o non-pago leva á retención de documentos, violencia,  coerción e potencial morte. 

En teoría é certo, como se dí no texto, que “as condicións financeiras foron acordadas por ambas as partes”, máis unha delas estaba suxeita á outra, a dominante, que previamente a enganara con promesas sen base algunha. Por poñer algún exemplo, no seu libro, Antonio Salas relata unha chea de situacións nas que as migrantes, segundo as súas contas, xa teñen pagadas as débedas. Malia todo, non lles queda outra que seguilas pagando porque o seu proxeneta lles dí que están mentindo, que aínda lles queda moito por pagar. O máis triste é que esa muller, case que raptada no seu país, atópase trala viaxe nunha completa soidade na que só ten ao mafioso, aínda que a maltrate e a prostitúa. Esas mulleres, que son trans, que están esclavizadas, que en moitas ocasións son analfabetas e que non teñen a ninguén a quen pedir axuda son as que se atopan nas casas luminosas de calquera das estradas galegas. 

 

No seu día a día, estas mulleres carecen, ademais, de toda seguridade. Expostas a golpes e violacións por parte dos clientes de xeito constante, os porteiros dos locais miran pola súa integridade física cun único fin: que o proxeneta non perda cartos. Deste xeito, ninguén toma coidado de que non collan algunha enfermidade de transmisión sexual, como o sida. Atrapadas e indefensas, non teñen outra que aturar continuas aldraxes. Elas, as mulleres trans, representan o 60% das asasinadas dende o 2008 a nivel mundial, segundo datos de TvT, polo que nin nas rúas do Brasil nin nunha estrada camiño da Coruña están seguras.

Ao estaren as persoas prostituídas fóra de toda legalidade en territorios como o español, as mulleres que están obrigadas a empregar o seu corpo como mercancía non teñen amparo de ningún tipo, e menos aínda se son migrantes. Cando algunha rede queda desarticulada polas forzas policiais, as mulleres prostituídas no seu marco arríscanse a seren deportadas aos seus países de orixe, pois están consideradas como inmigrantes ilegais, ao entraren en territorio español de xeito irregular aínda coa cobertura das mafias.

O asilo político pode ser unha alternativa, mais a maioría das prostitutas non coñecen o seus dereitos, sen ter en conta que non sempre se admiten este tipo de trámites. O proceso é longo, pois segundo se pode ler no informe de TvT, “logo de chegar a Europa, as persoas que buscan asilo son comunmente tratadas como criminais e postas en centros de detención polo período de proceso de asilo, que pode tomar anos”.