Chegou o outono e, con el, arrinca unha nova edición do Laboratorio de Educación para o Desenvolvemento (EpDLab), un proxecto de innovación educativa deseñado e desenvolvido polo equipo técnico de Agareso e financiado por Cooperación Galega que chega este ao seu sexto ano de vida nun contexto marcado pola pandemia. Esta tarde tivemos a primeira xuntanza co profesorado participante e xunto a elas e eles comezamos a definir o calendario de actividades e démoslles forma ás principais novidades desta edición. Este encontro tivo que ser virtual, por primeira vez na historia do proxecto.

Foi unha reunión de traballo ao redor dos detalles prácticos do proxecto, da organización das tarefas e da comunicación interna do equipo, así como da posta en común das necesidades dos diferentes grupos e da adaptación dos contidos dos obradoiros ás súas características neste curso. Neste caso, esta adaptación é maior que en edicións anteriores, xa que por primeira vez en seis anos pasamos de facer 9 obradoiros por curso a facer 6, dos cales 3 serán en liña. Estes cambios están motivados pola situación derivada da Covid19, pero tamén pola vontade de afondar nas posibilidades da aprendizaxe en liña que durante o curso anterior iniciamos con un resultado bastante positivo.

Mantemos un itinerario didáctico estruturado en tres grandes bloques: inclusión social, interculturalidade e relacións norte-sur. Cada un destes bloques comporase de dous obradoiros por trimestre. Deste maneira, malia reducir a nosa presencia na aula, aproveitamos as posibilidades da aprendizaxe mixta e autónoma, xa que cremos que as tecnoloxías poden ser unha ferramenta útil para as aprendizaxes en ECG. As sesións en liña desenvólvense integramente na aula virtual propia do proxecto, mentres que nas presenciais aproveitamos tamén a aula virtual para sortear as dificultades para o traballo en equipo cos actuais protocolos de seguridade.

Para este espazo virtual servémonos das seguintes ferramentas:

  • H5P: para a elaboración de actividades didácticas baseadas en vídeos interactivos, xogos, cuestionarios, etc.
  • Moodlecoud: aula virtual onde aloxar as actividades e rexistrar a participación dos grupos.
  • Padlet: para a creación de muros dixitais nos que publicar traballos multimedia de xeito colaborativo e interactuar co grupo.
  • Mentineter: para a elaboración de enquisas que permiten visualizar os resultados en tempo real.
  • BigBlueButton, Jitsi, Meet: para a creación de chats.
  • Whatsapp: para o envío de traballos e resolución de dúbidas.
  • Youtube: para o aloxamento de vídeos explicativos e guías das actividades.

Outra das melloras que este ano procuramos introducir ten que ver coa sistematización da medición de impacto da actividade, algo no que xa traballamos en anos anteriores e que queremos reforzar nesta edición.

O que non cambia é a importancia fundamental dos centros educativos e das e dos docentes que participan no EpDLab: o IES O Milladoiro (Ames) e o IES Carlos Casares (Viana do Bolo) forman parte do proxecto dende a súa primeira edición, o IES Pintor Colmeiro (Silleda) sumouse na segunda, o IES Illa de Ons (Bueu) incorporouse na cuarta e o IES de Brión sumouse o pasado ano. En todos os centros cambia o equipo docente, como vén sendo habitual, pero todoas e non a súa capacidade de traballo e a súa implicación. Este ano, especialmente, ao estar marcado polos grandes retos que supón para o sistema educativo a crise sanitaria provocada pola Covid19.