Quenda para un vello coñecido e debut dunha cara nova. Na sexta sesión do Seminario de Comunicación Social e Cooperación Internacional tivemos connosco unha dobre ración de fotografía, servida en primeiro lugar por Mingo Venero e completada por Anna Suriyanch. O primeiro, documentalista de pro, contou aos presentes a través da pantalla do computador moitas das súas vivencias, que lle permitiron viaxar a numerosas partes do mundo facendo o seu traballo. Nas segundas dúas horas do relatorio, Suriyanch fixo o propio centrándose na fotografía da migración, que a levou a retratar numerosas realidades, sendo do máis comentado durante a sesión as travesías dos barcos de salvamento no Mediterráneo, nos que ela tivo oportunidade de navegar e fotografar.

“Eu non veño do xornalismo”, comezou Mingo Venero a súa quenda, “a min todo isto náceme do mesmo interese polo documentalismo derivado dun gusto por coñecer á xente, pola sociedade”. Coa cámara como medio, Venero fai fincapé nos seus traballos nas historias das persoas empobrecidas, golpeadas polas desigualdades sociais. O seu campo de acción, que vai desde a súa Cantabria natal ata as bolivianas terras de Potosí, “un lugar ao que sempre quixera ir”, nas que puido documentar de maneira audiovisual e fotográfica o traballo e a vida dos mineiros. Outro dos temas recorrentes nas obras de Venero é a infancia, que está presente de moitas formas nos seus traballos. Opina que merece ter o seu espazo, que merece unha voz. “Para traballar con eles é moi importante gañarse a súa proximidade e a súa confianza”, declarou mentres ensinaba o seu porfolio.

Venero recibiu ao longo da súa carreira numerosos premios a nivel individual, pero recoñeceu ao alumnado que é moi complicado o vivir da fotografía documental, algo polo que foi moi preguntado. Durante o coloquio falou sobre a realidade do fotógrafo asumindo que “o tes que compaxinar con outras actividades profesionais que dean máis diñeiro, como pode ser a fotografía de eventos ou de vodas, e tentar facer exposicións, que sempre é moito máis rendible a longo prazo que, por exemplo, publicar un libro”. Cuestionáronselle, ademais, dúbidas sobre edición fotográfica e, como non, sobre o seu gusto polo branco e negro, unha das características principais do seu modo de traballo.

Pasadas as primeiras dúas horas, que Venero cravou no seu relatorio, a sesión continuou, comandada agora por Anna Suriyanch. Non se pode falar desta fotoxornalista freelance sen mencionar a Revista 5W, da que é cofundadora e editora gráfica. Gran parte do groso da charla foi por aí, pola súa experiencia coa revista, que lle permitiu viaxar a innumerables lugares do planeta perseguindo a realidade social oculta para moita xente en España.

“O obxectivo de calquera fotógrafo é facer pensar coas fotografías, conseguindo que a imaxe sexa unha historia en se mesma”, contou ao seu auditorio a fotoperiodista. É por iso que Suriyanch aludiu moito á importancia de pensar a foto antes de tomala, para conseguir que esta realmente transmita. A relatora reflexionou sobre a súa profesión, poñendo exemplos e poñendo o seu relatorio a un nivel totalmente horizontal, algo que tamén conseguiu Venero. Naturalizou coas súas palabras certos comportamentos que lles suceden a todo aquel que fai fotografías, sexan máis ou menos profesionais. “É normal bloquearse ás veces e non ser capaz de disparar. Eu mesma, por exemplo, cando vin que unha das balsas que estaban a rescatar os compañeiros socorristas se afundía, púxenme a cámara ás costas comecei e a sacar xente dela. Sentía que era a miña responsabilidade, pero eles mesmos paráronme, pois o que eu debía facer era documentar todo aquilo e non rescatar xente, que era a función do socorrista e non a miña”. A relatora lembrou numerosas anécdotas e vivencias daqueles días a bordo dos barcos de Open Arms. 

“Sendo honesto podes fotografar todo. Creo que a clave é non molestar, non romper a intimidade, e para iso hai que estar moito cos protagonistas”, dixo Suriyanch e coincidiu Venero. Cada cal co seu relatorio, foron capaces de trasladar ao alumnado unha visión realista da fotografía social e documental.