
Despois da visita de Morena Herrera, dentro do proxecto que desenvolvemos con La Colectiva grazas ao financiamento do Fondo Galego de Cooperación Internacional, o Concello de Ames quixo amosar a súa solidariedade coas mulleres que sofren as consecuencias da penalización total do aborto vixente en El Salvador. Fixérono a finais de decembro cunha moción aprobada por unanimidade no pleno municipal, na que os grupos municipais instan respectuosamente as autoridades salvadoreñas a cumprir a sentenza da Corte Interamericana de Derechos Humanos con respecto ao caso Manuela, recoñecendo a súa responsabilidade e indemnizando o dano irreparable sufrido por esta muller salvadoreña e pola súa familia, garantindo a correcta atención de mulleres que sufran emerxencias obstétricas, adecuando a súa regulación relativa á prisión preventiva e implementando un programa de educación sexual e reprodutiva e -máis especificamente- un curso de capacitación e sensibilización a funcionarios xudiciais e ao persoal de saúde, adecuando a súa regulación relativa á dosimetría da pena de infanticidio.
O Concello de Ames foi, así, a primeira administración galega en sumarse á petición que lles lanzamos ás entidades socias do Fondo Galego de Cooperación, co obxectivo de que as mulleres e as entidades feministas salvadoreñas reciban o apoio e a solidariedade das e dos galegos na súa loita contra as violencias e pola igualdade de toda a cidadanía. Agardamos que axiña se sumen máis institucións e animamos a calquera entidade que queira tomar parte nesta acción, a solicitar máis información escribindo a agareso@agareso.org