Os mozos e mozas de 3º da ESO do IES Politécnico de Vigo comezarán este venres 5 de decembro o proxecto Xeración Contrainfo, que loita contra o discurso de odio machista e misóxino presente na nosa sociedade.

O proxecto no que participa o centro vigués por terceiro ano consecutivo propón unha metodoloxía diferenciada para o traballo con mozos e mozas en dúas sesións iniciais e unha final mixta onde atopar camiños de encontro entre eles e elas.

A xustificación para abordar así o discurso de odio machista e misóxino nas aulas parte dos resultados do estudo elaborado polo propio proxecto na pasada edición, no que se certifica unha fenda ideolóxica existente entre as rapazas e os rapaces que habitan os institutos galegos, cun calado maior de opinións disruptivas entre os mozos cishetero, que reflicten malestar co feminismo e a propia idea de desigualdade. Un 62% dos alumnos cishetero considera que a loita pola igualdade das mulleres é excesiva e actualmente son os homes os discriminados. Esta porcentaxe redúcese ao 22% no caso das rapazas cishetero e do alumnado LGBTiQ.

Tendo en conta os datos obtidos nesta e en outras moitas enquisas publicadas a nivel nacional sobre a temática, as institucións especializadas animan xa a traballar de xeito diferenciado coas mozas e cos mozos, como é a proposta de Xeración Contrainfo, para atender de forma específica o sentir dos rapaces e das rapazas e a súa distinta socialización como homes e mulleres.

O malestar que manifestan os mozos cishetero é real, está nas aulas e na súa forma de comprender o xénero, así como as relacións que se tecen a partir del. Senten que o feminismo chegou demasiado lonxe, que se lles pretende impoñer unha ideoloxía, están enfadados e frustrados. Por iso é preciso ofrecer unha alternativa e que esta saia da propia comunidade escolar.

Ademais do alumnado do IES Politécnico de Vigo, outros dous institutos galegos, o IES Milladoiro en Ames, e o IES de Soutomaior, súmanse tamén á proposta. En total serán uns 250 alumnos e alumnas que participarán en 3 obradoiros de 100 minutos nos que serán conscientes dos estereotipos de xénero nos que se basean os discursos de odio, os mandatos de xénero que lles afectan de xeito diferencial e todo o que o feminismo pode facer por elas e eles. Tamén producirán os seus propios materiais contradiscursivos de radio ou vídeo para denunciar o dano que fai o machismo as mulleres, pero tamén aos homes.

Xeración Contrainfo é un proxecto de Educación para o Cambio Social impulsado por Agareso, a Asociación Galega de Comunicación para o cambio social, co financiamento da Xunta de Galicia, que naceu no ano 2022 como resposta á radicalización dos discursos de odio entre as e os adolescentes,

O obxectivo macro do proxecto, dende a súa primeira edición, é atallar a raíz do mecanismo que xera estes discursos de odio, que medra vizosa nun contexto de escasa alfabetización mediática e consumo abusivo de contidos dixitais, regada polo uso que grupos extremistas fan da situación, investindo grandes sumas de cartos en campañas globais que promoven a predisposición da adolescencia cara a posicións intolerantes e radicalizadas.

Os obradoiros no IES Politecnico de Vigo terán lugar conforme a seguinte calendarización:

• 1º sesión segregada: Venres 5 de decembro de 10:40 a 12:50 con 3ºESOA e de 12:50 a 14:30 con 3ºESO B

• 2º sesión segregada: Venres 12 de decembro de 10:40 a 12:50 con 3ºESOB e de 12:50 a 14:30 con 3ºESO A

• 3º sesión mixta: Luns 12 de xaneiro de 12:50 a 14:30 con 3ºESO B e 16:50 a 18:30 con 3ºESO A