Ben podería o Seminario, aínda que fose só para a sesión de hoxe, cambiar de nome e colocar o seu apelido ao comezo. A Cooperación Internacional, por diante da Comunicación Social, foi a protagonista na tarde de onte, pois tocáballe falar a Alejandro Quiñoá, delegado de ACPP Galicia. O relator ocupou a primeira parte da sesión, as primeiras dúas horas, explicando a historia da cooperación, amosando a evolución que tivo ao longo do século XX ata os nosos días.

Alejandro Quiñoá profundizou nos puntos concretos da historia que foron trascendentes para a evolución das ONGD. Fixo, polo tanto, mención especial a feitos tan importantes como a fundación das Nacións Unidas, o empoderamento dos estados empobrecidos ou os movementos sociais de comezos do século XX en prol da solidariedade mundial, como o español 0’7. O relator fixo fincapé no cambio que se veu dando ao longo dos anos, pois as primeiras campañas, feitas totalmente dende a caridade, non teñen que ver coas actuais, máis centradas na cooperación entre dous entes que se aportan un ao outro. “Ben é certo que nós traballamos dende occidente, iso non se pode negar”, subliñou o representante de ACPP.

Quiñoá puxo en contexto ao alumnado para que na segunda parte da sesión se organizara unha mesa redonda con diversas persoas expertas na cooperación, precisamente porque traballan nela sobre o terreo. A sesión contou coas voces de Sofía García, publicista experta en comunicación social e traballadora da Asociación Solidaria Andaluza de Desarrollo (ASAD); Alicia Fernández, licenciada en Ciencias Políticas e coordinadora de ACCP en Marrocos e Eva Calero (“Kali”), psicóloga especializada en cooperación internacional e actualmente técnica de proxectos en ACPP Marrocos, unha ONGD que leva no país magrebí dende o 1999 colaborando para a mellora das condicións de vida dos cidadáns. Por último interviron tamén Laura Feal, licenciada en Xornalismo pola USC pero que tomou o camiño da cooperación e do desenrolo da man da ONGD senegalesa Hahatay; e Mamadou Dia, activista migrante e fundador desa organización, unha asociación senegalesa especializada en dar seguridade aos migrantes antes e durante a súa viaxe.

O coordinador do Seminario, Antonio Grunfeld, foi guiando as intervencións destas novas voces, que puxeron interese en explicar os seus proxectos sobre o terreo. A través do seu exemplo, o alumnado puido descubrir o mundo da cooperación, as actuacións que se levan a cabo para cambiar a realidade de moitos lugares do mundo, pero tamén os problemas que surxen para poñer a funcionar os proxectos ou as dificultades para obter fondos. Tamén, máis de refilón, o estudantado tivo a oportunidade de aprender certas pautas para a comunicación de cooperación. Foi un coloquio moi construtivo e pausado, que despois foi aberto a unha rolda de preguntas e a uns minutos para o debate sobre os asuntos tratados.