O pasado mércores, 30 de xuño, unha equipa de Agareso tivo un encontro virtual con varias socias e socios do Colexio de Xornalistas de Galicia para compartir contidos en materia de comunicación social. Esta xuntanza serviu tamén para establecer puntos de conexión entre as dúas entidades.
O contexto actual no que vivimos, analizado dende a visión de diversos profesionais, lévanos a situar o discurso do odio en auxe. Esta situación preocupa moito ás compoñentes da Asociación Galega de Comunicación para o cambio social. Por iso, aproveitando recursos existentes, intentamos espallar ferramentas para combater este discurso.
Na charla-taller co Colexio de Xornalistas, incidiuse na especial importancia que os medios de comunicación teñen á hora de incidir na sociedade. Por iso, fixemos fincapé na necesidade de coidar as informacións e cambiar as narrativas para que estas respecten sempre a todas as persoas.
Establecéronse varios puntos importantes na conversa. Primeiro, consideramos fundamental ter claro que é o discurso do odio, e que parte del pode ser considerado delito de odio. Con ese punto claro, os e as profesionais da comunicación poderán ter as ferramentas necesarias para identificalo.
Por último, pretendemos que todo o falado sirva para que, unha vez identificado o discurso do odio, as profesionais poidan loitar contra el cunha serie de ferramentas que diversos colectivos que estudan e loitan día a día contra esa lacra nos proporcionan. Son varias as entidades galegas, entre elas Agareso, que traballamos para intentar facer desta, unha sociedade máis xusta e inclusiva. E, para iso, a comunicación ten un poder que non podemos desaproveitar.
Dende Agareso lévanse xa uns meses espallando estas ferramentas tamén a través das redes sociais co proxecto #Mudaoconto, que nace do voluntariado e tenta concienciar contra o discurso do odio.