Abrimos o prazo de inscrición no obradoiro en Narrativas dixitais para traballar nas aulas a Educación en Valores que ofreceremos o sábado 29 de febreiro, en horario de 10h a 14h e de 16h a 20h, na Unitaria de Santiago de Compostela. A formación está pensada para docentes de secundaria e bacharelato en activo, que poderán homologar as 8h a través da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, pero tamén está aberta a outros profesionais da educación ou da comunicación. Só hai 25 prazas, polo que se estades interesadas/os vos recomendamos inscribirvos canto antes a través deste sinxelo formulario.

Xuntas, exploraremos as narrativas contemporáneas e descubriremos o seu potencial comunicativo, así como para fomentar a reflexión colectiva en entornos educativos. Coñeceremos estratexias e boas prácticas para introducir apps, multimedia e redes sociais no traballo con contidos ao redor da xustiza social, a inclusión, a sustentabilidade, a convivencia e o desenvolvemento.

Competencias profesionais
Educador/a guía no proceso de ensino-aprendizaxe. Acción titorial e atención á diversidade
Membro dunha organización. Xestión e promoción de valores e convivencia, compromiso persoal e ético
Investigador/a e innovador/a. Investigación formativa. TAC. Alfabetización mediática e informacional

Educomunicación e competencia mediática como elementos transversais no ensino: características do modelo comunicativo, de consumidores a prosumidores, aprenidzaxes P2P e educación expandida, rol docente na contorna dixital.
Narrativas dixitais: memética e viralidade, vinculación emocional, aprendizaxe significativa, folclore e cultura popular.
Integrar as app na aula para a educación en valores: memes e gifs contra o racismo, dobraxes pola igualdade de xénero, textos animados e comunicación en positivo, contrapublicidade e comunicación alternativa en favor da xustiza social.
Exemplos de boas prácticas: análise de unidades didácticas do proxecto EpdLab. Recursos empregados, temporización, materiais necesarios, dificultades e oportunidades.
Práctica de integración das ferramentas multimodais nunha unidade didáctica: deseño grupal, seguemento e avaliación da mesma.

É importante (aínda que non imprescindible), traer teléfono móbil con capacidade para facer fotos e gravar vídeo. Se tes calquera dúbida, contacta.