- O curso desenvolverase en Escola Unitaria o 17 e 18 de marzo.
- A formación está aberta a calquera persoa interesada, especialmente aquelas persoas do ámbito social ou educativo e a base social de Agareso
Pontevedra, 16 de febreiro de 2017.- A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso) acaba de abrir o prazo para inscribirse na primeira edición do curso “Narrativas Dixitais e Educación para o Cambio Social”, dentro do proxecto Epdlab (www.epdlab.gal) que achega estas ferramentas á Educación para o Desenvolvemento en diversos centros galegos.
A formación impartirase o 17 e 18 de marzo na Escola Unitaria, en Santiago de Compostela. Serán un total de 12 horas lectivas con matrícula gratuíta e á que terán acceso prioritario as persoas que formen parte da base social de Agareso e os formadores dos diferentes centros en Galicia.
Traballaremos no uso das TIC e no desenvolvemento de contidos ao redor da igualdade de dereitos, a participación responsable e a xustiza social, apropiándonos dos medios que temos ao noso alcance para participar en accións innovadoras para a comunicación inclusiva, o desenvolvemento social e a denuncia da desigualdade.
Afondaremos na xeración de contidos transmedia e micronarrativas dixitais, nas que o importante é comprender o significado e o discurso sociocultural por encima dos diferentes soportes, formatos, plataformas e redes.
Traballaremos en iniciativas de uso responsable e activo das tecnoloxías que acompañe á educación formal, contribuíndo a unha educación multidisciplinar e integradora. O obxectivo do taller é capacitar a monitores e formadores en novas narrativas, de maneira que contribúan co seu labor para erradicar prexuízos e favorecer a inclusión. Traballaremos e aplicaremos coñecementos nos seguintes campos:
- Educomunicación: novos modelos de aprendizaxe e de interacción social . Consumidores e prosumidores.
- Contidos Multimedia: apps e ferramentas de creación dixital.
- Didáctica e Creación Dixital: como deseñar e organizar unha actividade educativa.
- Exemplos de Boas Prácticas: aplicación creativa e práctica da Educación para o Desenvolvemento.
O curso conta co apoio económico da Xunta de Galicia e as persoas interesadas poden inscribirse ata o 15 de marzo en organizacion@agareso.org ou na nosa páxina web, www.agareso.org, no apartado de formacións. As Prazas son limitadas.