Gabriel, Lorena e Chari presentaron onte A Tribo e os seus traballos na Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social de Ourense ante a necesidade de transmitir as súas mensaxes aos futuros educadores e educadoras. Deste xeito pretenden concienciar sobre certas problemáticas que atravesan as vidas dalgúns dos e das adolescentes cos que os estudantes poden chegar a traballar ao longo da súa carreira.

O coñecemento e a sensibilización sobre estas situacións vitais complicadas polas que poden pasar os mozos e mozas cos que traballen no futuro é fundamental para o desenvolvemento de novas metodoloxías e formas de actuación e inclusión. Por iso, os rapaces e rapazas d’A Tribo, son conscientes da importancia de facerse escoitar e ser eles e elas mesmas quen conten as súas historias e transmitan as mensaxes nas que estiveron traballando durante seis meses en obradoiros de comunicación participativa. Deles, entre outras moitas pezas, xurdiron catro curtametraxes e unha campaña de comunicación que presentan agora na Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social de Ourense para deixar claro que a súa voz importa.