A rapazada d’ A Tribo presentou os seus traballos na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación en Pontevedra. O labor dos futuros e futuras comunicadoras e xornalistas é esencial para contribuír a desmentir os prexuízos e estereotipos que parte da sociedade aínda proxecta cara as adolescentes en risco de exclusión social.

Por iso, A Tribo considera necesario ser eles e elas mesmas as que lles transmitan as súas mensaxes e conten as súas historias para que, no futuro, estes estudantes estean sensibilizados coa situación dos menores que pasan por certas problemáticas vitais e poidan tratar as súas historias con respecto e comprensión.

Jorge Fernándes presentoulles a un grupo de estudantes da facultade os traballos que realizaron durante seis meses en talleres de comunicación participativa. Deles, entre outras moitas pezas, xurdiron catro curtametraxes e unha campaña de comunicación coas que queren deixar claro que as súas voces importan.