A Tribo pechou onte a súa segunda edición cunha proxección das catro curtametraxes realizadas pola rapazada participante nos Cines Compostela, seguida dun coloquio coas protagonistas e dunha entrega de premios nos que o equipo do proxecto quixo recoñecer a poderosa ollada e a enorme capacidade de traballo deste grupo de adolescentes en risco de exclusión social que durante máis de seis meses e en plena pandemia foron capaces de contar as súas historias e -a través delas- as de tantas e tantos outros.

PALMARÉS

Mellor melodrama de ficción para Vacío Legal, por ser quen de e construír un drama dende a comedia, por facernos rir ao tempo que sinalar algunhas incoherencias aínda existentes na sociedade deixando unha porta aberta á redención e por narrar unha historia que aborda temas complexos como a orientación sexual, o machismo ou as relacións familiares.

Mellor curtametraxe baseada en historias reais para EME, por facer un retrato a partir de moitas persoas, por conseguir abrir os ollos do público a realidades invisibilizadas, por buscar a empatía dende un discurso incómodo para a sociedade, pola valentía das persoas tras esta historia e por articular unha linguaxe audiovisual ao servizo da narración.

Mellor curtametraxe dramática de ficción para Malos Rollos, que a partir das vivencias de dúas persoas aparentemente moi diferentes consigue salientar que tras as apariencias ou actitudes, existen experiencias que marcan a personalidade. Narrando unha historia na que, a partir dos xogos temporais, contrúense as diferentes capas das personaxes. Unha historia que acontece, cada día, nos institutos de Galicia.

Mellor curtametraxe documental para Jugar con Ventaja, unha historia de non ficción que non deixa inidferente a quen a ve. Construída a partir de diferentes rexistros documentais, fai agromar unha realidade de cotío invisible na nosa sociedade. Fainos reflexionar e pensar no privilexio dende o que etiquetamos o futuro da mocidade. E artella a partir dun retrato colectivo, unha historia fermosa e dura, creando unha obra emotiva e reflexiva ao tempo.

A Tribo, un proxecto de Agareso e Igaxes realizado co apoio de Fundación “A Caixa”, é unha intervención integral que durante 12 meses traballa para fortalecer as capacidades das e os mozos en risco de exclusión, tanto desde o ámbito educativo como psicosocial, para loitar contra os estereotipos que parte da sociedade ten aínda por certos, como que a mocidade tutelada está nun centro de protección por facer algo malo ou que alumnado con dificultades nos estudos non ten vontade de aprender. Estereotipos que, cando afectan a persoas que xa parten dunha situación vulnerable, poden chegar a converterse nun estigma moi doloroso. A Tribo quere reverter ese estigma e mostrar as enormes capacidades destas mozas e mozos, o seu talento, a súa creatividade e a súa capacidade de esforzo e de análise da realidade.