A Casa da Cultura do Milladoiro ferve de actividade nesta xornada marcada pola final do curso escolar. Durante a mañá, todo o alumnado de 3º e 4º da ESO pasou polo auditorio para ver, en exclusiva, as curtametraxes realizadas por 24 dos seus compañeiros e compañeiras. Foi o ensaio xeral para a estrea oficial do froito de máis de 6 meses de traballo, que terá lugar esta tarde, ás 18h, no mesmo auditorio, xa coa presenza de familias, veciñanza e autoridades locais

De xaneiro a xuño de 2026, un grupo de 24 adolescentes volveu cada luns pola tarde voluntariamente ao IES do Milladoiro. Comían rápido e volvían para aprender a usar equipo audiovisual profesional, a escribir e ensaiar guións, a entrevistar persoas coñecidas e descoñecids na rúa e, sobre todo, a traballar en equipo cara a un obxectivo común. Dentro do programa había tamén outras aprendizaxes inesperadas: ceder, esperarse, debater sobre o que querían contar e como querían contalo e traballar, en fin, con persoas que non coñecían ou que non elixirían necesariamente como compañeiras.

O grupo era diverso en case todo: en idades, en procedencias, en gustos, en formas de enfrontarse ás tarefas. Había quen levaba anos querendo poñerse diante dunha cámara e quen nunca se imaxinara facéndoo. Había quen chegou con moito medo e quen chegou con ganas de comer o mundo. E non sempre foi fácil: había días de cansancio, de cicloxénese explosiva ou de onda de calor, semanas cargadas de exames, obrigas familiares que dificultaban a asistencia. Pero conseguírono e esta tarde, por fin, presentan o resultado do seu esforzo: tres miradas sobre o Milladoiro, a diversidade e a vida adolescente, en formatos distintos e con voces propias.

Milladoiro puro é unha curta documental que nos descubre os lugares favoritos da xente da vila, as distintas visións sobre o espazo público que conviven entre a veciñanza e as carencias e os cambios que preve o goberno municipal para os próximos anos. Falan o alcalde de Ames, o profesorado do IES e os propios veciños: persoas que camiñan polas mesmas rúas, que comparten a tranquilidade das zonas verdes e que soñan cun Milladoiro mellor. O resultado non é un vídeo turístico nin un catálogo de queixas. É un retrato honesto dun lugar que non para de transformarse, contado polas voces de quen o vive desde dentro.

O Milladoiro é un dos concellos máis diversos de Galicia. Máis de 70 nacionalidades conviven nun mesmo barrio, nos mesmos corredores do IES, nas mesmas rúas. Pero que significa realmente esa diversidade para as persoas que a viven cada día? Milladoiro diverso é unha curta documental que tenta respostar a esa pregunta, na voz do profesorado, do alumnado, da veciñanza e ata do alcalde. As respostas falan de riqueza e oportunidade, pero tamén de medo, prexuízo e integración incompleta. Porque O Milladoiro non é un lugar perfecto. É, iso si, o fogar dunha xeración de adolescentes que decidiu mirala de fronte, sen filtros e sen discursos feitos, para contarlla ao mundo.

Máscaras Fóra é unha curtametraxe de ficción que conta unha historia de acoso escolar desde un lugar pouco habitual: o interior do acosador. Non para xustificalo, senón para intentar entender de onde veñen certas condutas e que papel pode xogar quen decide non mirar cara a outro lado. Fronte a Lautaro, un rapaz que agride e que ten detrás unha historia familiar moi dura, aparece Marelys: unha rapaza que intervén con calma, sen violencia e sen discursos, e que lle devolve ao agresor algo que ninguén lle ensinara a facer: mirarse ao espello. A peza pregúntalle ao espectador cantas veces confundimos a máscara coa persoa.

A Tribo do Milladoiro é un proxecto piloto de comunicación participativa impulsado por Agareso, en colaboración co IES do Milladoiro e co apoio da Fundación laCaixa, que busca mellorar a convivencia cidadá intercultural e a cohesión social na localidade, convertendo a mocidade en mediadora da súa contorna comunitaria.

O proceso comezou a finais de 2025, cando o equipo de Agareso visitou todas as aulas de ESO do IES do Milladoiro para preguntarlle ao seu alumnado: Como é O Milladoiro? Que é o que máis che gusta da túa vila? Participaron preto de trescentas persoas, de 1º a 4º de ESO, e as súas respostas falan do gusto polo deporte e pola natureza e da necesidade de ter sitios cubertos no que a rapazada poida estar cando chove, sen necesidade de consumir e gastar cartos. Ese mapa de voces foi a base sobre a que se construíron as pezas que hoxe se estrean e que, dende mañá, poderán verse libremente na rede.

O camiño desta rapazada diversa, formada, creativa e dialogante non remata aquí. Ao longo das próximas semanas presentarán unha campaña de sensibilización e continuarán coas proxeccións das súas pezas audiovisuais.