Un grupo de 20 adolescentes do Milladoiro presenta este venres ás 18h no auditorio da Casa da Cultura da localidade dúas curtametraxes documentais e unha de ficción elaboradas integramente por eles e elas dentro do proxecto Somos diferentes, somos referentes. O acceso é libre e gratuíto ata completar aforo e o acto incluirá a proxección das tres curtametraxes e un debate posterior coa rapazada, que explicará en primeira persoa o proceso e as ideas que as inspiraron.
As tres pezas audiovisuais abordan temáticas que o grupo escolleu de forma autónoma: os lugares máis queridos pola rapazada do Milladoiro, a diversidade cultural como riqueza e o acoso escolar dende unha perspectiva pouco habitual: a do acosador. Segundo explicou a rapazada, o obxectivo non era xustificar a violencia, senón romper co patrón de ignorar o que ocorre fóra das aulas. A rapazada presentará, tamén, unha campaña de comunicación coa que queren dirixirse á súa veciñanza.
A iniciativa, que arrincou a finais do ano pasado con obradoiros no instituto e se prolongou ao longo de varios meses de encontros extraescolares, parte da ONGD galega Agareso e mais do IES do Milladoiro e contou coa colaboración de Fundación laCaixa.
Durante ese tempo, o grupo aprendeu a manexar cámaras e micrófonos, a escribir e a interpretar guións, a realizar entrevistas e a traballar en equipo cara a un obxectivo común. Mais, segundo as propias participantes, o máis valioso foi “aprender a convivir, que é diferente a simplemente vivir, con persoas que antes non coñeciamos”.