Parte do equipo de Agareso participou esta semana nunha formación sobre técnicas de traballo con mozos e mozas en risco de exclusión ofrecida por Igaxes, organización coa que nos embarcamos nunha nova edición do proxecto A Tribo, que vén de ser seleccionado na Convocatoria de Interculturalidade e acción social de “la Caixa”.

Grazas ao apoio de Fundación “la Caixa”, poderemos fortalecer as capacidades das e os mozos en risco de exclusión, tanto desde o ámbito educativo como psicosocial e loitar así contra o estigma social que sofre esta mocidade. A Tribo quere reverter ese estigma e amosar as enormes capacidades destas mozas e mozos, o seu talento, a súa creatividade e a súa capacidade de esforzo e de análise da realidade. Para conseguilo, unha vintena de rapazas e rapaces en situación de vulnerabilidade participarán na primeira metade do ano nun obradoiro de comunicación participativa que concluirá coa estrea pública dos produtos creados por elas e eles mesmos e cunha importante campaña de comunicación local ideada e protagonizada tamén por elas e eles.

Pareceunos fundamental comezar o proceso coa transmisión de coñecementos especializados entre as dúas organizacións que desenvolvemos o proxecto, co obxectivo de avanzar xuntas no uso das ferramentas de comunicación participativa con este colectivo. Nesta primeira formación interna coñecemos ferramentas para traballar tanto a intervención persoal como a xestión grupal, falamos do perfil das persoas participantes no proxecto e traballamos tamén con dinámicas prácticas cuestións como a construción de vínculos na acollida e na despedida, a motivación, a selección de subgrupos, a xestión das emocións e a cohesión a través do coidado do clima do grupo e do establecemento de normas internas de obrigado cumprimento tanto para as persoas participantes como para as formadoras, así como de como reaccionar cando se incumpran esas normas. A próxima semana poremos en práctica estas aprendizaxes coas participantes do obradoiro de comunicación participativa. Estámolo desexando.