Esta semana presentamos a reportaxe multimedia  La Brecha, unha peza realizada no marco da XIII edición do Curso de Especialización Comunicar para o Cambio

Pontevedra e Santiago acollen as estreas da peza o próximo xoves 15 e venres 16 en dous pases con públicos diversos. O xoves ás 16h o equipo de La Brecha presenta o seu traballo ao alumnado da Facultade de Comunicación da UVIGO (Pontevedra), co obxectivo de que as novas xeracións de profesionais do sector vexan as posibilidades existentes no campo da comunicación para o cambio social. O venres 16 ás 18:30h, a Casa do Taberneiro recibirá ao seu público habitual e a todas aquelas persoas que queiran achegarse a Santiago a coñecer un pouco máis da realidade senegalesa.

En xullo do ano pasado, Javier Ramos, Mar Navarro e Maréme Fall viaxaron a Saint Louis e Gandiol (Senegal) para afondar en tódolos coñecementos adquiridos durante o XIII Seminario de Comunicación Social organizado por AGARESO no 2023. Durante esta experiencia, na que estiveron acompañadas por Antonio Grunfeld, técnico de AGARESO, e polo equipo humano da ONGD Hahatay, produciron La Brecha.

O XIII Seminario de Comunicación Social (agora XIV Curso de Especialización en Comunicación para o Cambio Social “Comunicar para o Cambio) é un curso proposto dende hai 14 anos para ampliar a especialización en comunicación para o cambio social no ámbito universitario galego. Unha vez finalizada a formación de 40h de coloquios impartidos por persoas expertas do sector, tres alumnas son escollidas por ter feito os mellores traballos para facer unhas prácticas en terreo durante 10 días.

A reportaxe fai un percorrido por tódalas eventualidades provocadas pola subida do nivel do mar na costa norte de Senegal, onde cambio climático e acción humana interveñen para agravar un dos grandes problemas que afecta a esta rexión: a erosión costeira. 

A protagonista da peza, a “brecha” é unha fenda con varios quilómetros de lonxitude xerada na costa norte do país por unha intervención humana que agudizou problemas xa estistentes de erosión costeira e salinización de terras, provocando así o desprazamento forzado de milleiros de persoas refuxiadas climáticas. A peza narra a historia de como persoas e poboacións enteiras se viron obrigadas a abandonar as súas casas, que foron devoradas polo mar.