A rapazada da Tribo presenta estes días nos IES de Compostela o resultado desta terceira edición do proxecto, no que quixeron reclamar máis recursos para a saúde mental na adolescencia, especialmente en contextos de vulnerabilidade social ou económica. A primeira proxección foi no IES Xelmírez I, onde se produciu un interesante intercambio de experiencias entre as representantes da Tribo -Helena, Lorena e Ryuu- co alumnado que asistiu á proxección.
Parte do grupo que participou na actividade compartiu coas protagonistas da Tribo que o alumnado do IES Xelmírez I ten insistido na necesidade de incorporar a figura do profesional da psicoloxía nos centros e destacaron na importancia do intercambio entre iguais, máis alá das “charlas sobre as emocións que nos dan de vez en cando”. Felicitáronas polo traballo realizado, co que aseguraron sentirse identificados, e abriron a posibilidade de colaborar no futuro.