Alecoy, Valentina e Natxo presentaron esta mañá no IES de Sar as curtas e mensaxes que crearon ao longo dos últimos meses xunto co resto d’A Tribo, un grupo de 22 mozos e mozas en risco de exclusión social que alza a voz contra os bulos e prexuízos, recordándonos que as súas voces deben ser escoitadas.

Máis dun cento de alumnos e alumnas do centro compostelán -no que estudaron ou estudan varias das persoas que forman parte d’A Tribo- viron de man das súas creadoras e creadores os traballos que realizaron entre xaneiro e xullo -en plena pandemia- á co obxectivo de que nos institutos non se xulgue aos e as adolescentes sen saber o que acontece máis alá das portas do centro.

Na Tribo, son os e as propias adolescentes quen deciden que queren contar e como facelo, a través de talleres de comunicación participativa que se desenvolveron en Santiago. Crearon centos de fotografías, varias pílulas sonoras e catro curtametraxes que xa se poden ver libremente en internet. Nelas tratan temas como os conflitos familiares e o abandono infantil, a vida nunha vivenda de acollida, o racismo que sofren as persoas migrantes e o estigma que acompaña as menores tuteladas ou especialmente vulnerables. Guionizaron, protagonizaron e gravaron integramente as súas historias, co obxectivo de demostrar e de demostrarse que a súa mirada sobre o mundo importa, que os conflitos que lles atravesan a vida a eles e elas importan. “Os temas que tratamos foron elixidos por todos os integrantes do grupo, entón teñen unha parte de cada un de nós”, conta unha das participantes.

Piden que non os xulguemos nin poñamos límites as súas vidas, que non miremos para outro lado nin deixemos que caian. Ante a necesidade de que a comunidade escolar os escoite, presentaron a campaña Vas a permitir que o comezo marque o noso destino? no IES do Sar. Falaron os e as protagonistas da historia, que son quen idearon, definiron e personalizaron a campaña segundo as mensaxes que quería transmitir cada unha delas, converténdose nas verdadeiras axentes do cambio. A campaña tamén está presente no transporte urbano e outros espazos públicos de Santiago, ademais de nas redes sociais, para que así máis xente poida darse conta do que valen estes mozos e mozas e axudalas a cambiar o rumbo.

A Tribo é un proxecto capitaneado por Agareso e Igaxes, co apoio de Fundación “A Caixa”, no que se traballa durante 12 meses para fortalecer as capacidades das e os mozos en risco de exclusión, tanto desde o ámbito educativo como psicosocial, e para loitar contra os estereotipos que parte da sociedade ten aínda por certos, como que a mocidade tutelada está nun centro de protección por facer algo malo ou que alumnado con dificultades nos estudos non ten vontade de aprender.