Unha vintena de mozas e mozos de entre 14 e 20 anos presenta en Compostela unha campaña de comunicación e catro audiovisuais cos que queren chamar atención sobre a necesidade de ofrecer máis recursos para mellorar a saúde mental da rapazada. Especialmente, daquela máis vulnerable social e economicamente.

Foto da presentación da campaña

Clara, Helena, Lorena, Karma, Maria Isabel, Michell, Ryuu, Valentina e Xiana póñenlle cara á campaña A nosa saúde mental (tamén) depende de ti, coa que queren pedirlles ás familias que “miren máis alá dos defectos das súas fillas e fillos e saiban ver o que son capaces de conseguir”.

Teñen, tamén, unha mensaxe para as e os docentes, aos que lles piden “que vexan o alumnado como seres humanos con problemas de seu”, máis alá dos estudos, dos deberes e de cuestións que escapan ao seu control, como a falta de concentración na aula, e “que saiban ver, tamén as súas potencialidades”.

Ás e aos profesionais da saúde, pídenlles “que escoiten máis e con máis amor, que traten con respecto á rapazada e que sexan conscientes de que a medicación non sempre é a mellor solución”. E, por último, á clase política, recórdanlle “que a infancia e a adolescencia en risco de exclusión social non pode con todo”. Necesitan axuda. Necesitan moita máis axuda.

Todos os materiais da campaña están dispoñibles para o seu libre uso por parte daquelas entidades que desexen darlle difusión, para conseguilos só hai que contactar por correo electrónico. A Tribo é un proxecto de Agareso e Igaxes que conta coa colaboración de Fundación ”la Caixa”.