A mocidade en risco de exclusión social ten moito que dicir e da súa necesidade de ser oída xurde A Tribo, un grupo de 22 adolescentes con vidas complexas que unen as súas voces para contar a súa propia historia. Do seu traballo colectivo durante sete meses nace a campaña ¿Vas permitir que o comezo marque o noso destino? coa que pretenden desmentir os bulos e prexuízos que aínda pesan sobre a rapazada en risco de exclusión social. Desde o transporte urbano e as paredes dos institutos e outros espazos públicos de Galicia e desde as redes sociais recórdannos que as súas voces tamén importan e que deben ser escoitadas.
Aitor, Alecoy, Valentina, Aroha, Gabriel, Karma, Ilias, Jordan, Jorge, Natxo, Lorena, Mariana e Chari pidennos que non xulguemos nin poñamos límites á súas vidas, que non miremos para outro lado nin deixemos que caian. Propoñennos, simplemente, que nos deamos conta do que valen e que -se é preciso- as e os axudemos a cambiar o rumbo. Vas permitir que o comezo marque o noso destino? é o slogan principal desta campaña que definiron e personalizaron segundo as mensaxes que pretenden transmitir cada un e cada unha delas, converténdose nas verdadeiras axentes do cambio.
A campaña, que se presentou esta mañá en Santiago de Compostela, forma parte dunha intervención integral capitaneada por Agareso e Igaxes co apoio de Fundación “a Caixa”. A Tribo traballa durante 12 meses para fortalecer as capacidades das e os mozos en risco de exclusión, tanto desde o ámbito educativo como psicosocial, e para loitar contra os estereotipos que parte da sociedade ten aínda por certos, como que a mocidade titelada está nun centro de protección por facer algo malo ou que alumnado con dificultades nos estudos non ten vontade de aprender. Estereotipos que, cando afectan a persoas que xa parten dunha situación vulnerable, poden chegar a converterse nun estigma moi doloroso. A Tribo quere reverter ese estigma e amosar as enormes capacidades desta rapazada, o seu talento, a súa creatividade e a súa capacidade de esforzo e de análise da realidade.

Durante o proceso, foron os propios adolescentes os que decidiron que querían contar e como contalo, nun taller de comunicación participativa que se estendeu de xaneiro a xullo de 2021 -en plena pandemia- e do que xurdiron centos de fotografías, varias pílulas sonoras e catro curtametraxes que se estrearon a pasada primavera e que agora se poden ver libremente en internet. Nelas tratan temas como os conflitos familiares e o abandono infantil, a vida nunha vivenda de acollida, o racismo que sofren as persoas migrantes e o estigma que acompaña as menores toteladas ou especialmente vulnerables. Guionizaron, protagonizaron e gravaron integramente as súas historias, co obxectivo de demostrar e de demostrarse que a súa mirada sobre o mundo importa, que os conflitos que lles atravesan a vida a eles e elas importan. “Os temas que tratamos foron elixidos por todos os integrantes do grupo, entón teñen unha parte de cada un de nós”, conta unha das participantes.