Proxectos de radio
Proxectos de radio
Para a nosa organización a radio é unha das ferramentas fundamentais, tanto nos proxecto de Cooperación Internacional como nos de Educación.
A radio é un medio relativamente económico, técnicamente sinxelo, e polo tanto accesible. Ten ademais a capacidade de empoderar a quen a fai, que sinte que o que di, o que opina, ou que pensa, é importante. Grazas a ela moitos colectivos tradicionalmente silenciados toman a palabra.
Ademais, a súa adaptabilidade ao contexto, convértea nunha das ferramentas de uso mais democrático. A amplitude dos seus formatos (informativos, de ficción, musicais e publicitarios) permítenos variar moito os produtos realizados e empregalos en sensibilización en diferentes ámbitos. Sempre coa perspectiva de que a ferramenta estea en mans da cidadanía e esta teña capacidade de elaborar e difundir de forma autónoma as súas mensaxes e contidos.
En AGARESO traballamos as posibilidades do medio radiofónico en dúas liñas principais:
- A Radio como ferramenta da Educación para o Desenvolvemento (ED)
A Radio escolar
Unha radio na escola motiva ao estudantado, presentando un recurso didáctico distinto aos tradicionais. Fomenta a creatividade e a investigación, xerando outras dinámicas para a construción de coñecemento. Ademais mellora as competencias técnicas, a lingua escrita e oral e o traballo en equipo. As vantaxes educativas da radio escolar son moitas e evidentes, pero sen dúbida, o máis interesante para AGARESO é a capacidade do medio para facer reflexionar ao alumnado en torno a cuestións pedagóxicas profundas.
Nos nosos obradoiros, o alumnado pasa de ser un mero receptor pasivo dos medios de comunicación, para converterse nun emisor de contidos, fomentando así na rapazada unha lectura mais crítica da información que lles chega dos medios. Os mozos e mozas combaten na súa radio escolar, o machismo, o discurso do odio, o consumismo, a desigualdade…creando as súas propias mensaxes en forma de informativos, contos radiais, anuncios publicitarios, ou magacines, e participando deste xeito, de forma activa, no cambio social.
Proba delo son os nosos proxectos de Educación para o Desenvolvemento: Escolas Sen Racismo, O Mundo que Queremos, Cambiemos a narrativa ou O Globo
Formación ao profesorado e a outros colectivos
Asesoramos tamén ao profesorado ou a outros colectivos que queren montar a súa propia iniciativa radiofónica e facemos as sinerxías necesarias coas emisoras que queiran traballar en rede. O proxecto Comunicar en igualdade (A radio escolar feminista) da Consellería de Educación a través do CAFI (Centro Autonómico de Formación e Innovación), ou as formacións que impartimos a profesorado interesado en implantar unha radio con enfoque social no seu centro, son bos exemplos destas iniciativas.
- A Radio comunitaria
A radio é tamén unha das nosas apostas principais nos proxectos de cooperación internacional, co apoio ás emisoras comunitarias de Centroamérica e O Caribe, tanto de emisión analóxica, que soen estar en mans de comunidades rurais e máis desfavorecidas, como as novas iniciativas de emisoras on line, capitaneadas por movementos socias e activistas. Nós apostamos pola unión de ambos mundos, e por iso puxemos en marcha o proxecto Comunitaria Radio unha plataforma on line para crear, compartir e difundir contidos sobre dereitos humanos, xénero, medio ambiente e identidade.
Traballamos apoiando con material técnico e formación a radios comunitarias salvadoreñas, e tamén trasladando a nosa experiencia coa radio en centros educativos galegos á República Dominicana onde o medio radiofónico nos serve como ferramenta para a sensibilización sobre xestión de riscos, de loita contra o machismo, de denfensa dos DDHH, etc.
Aquí en Galicia tamén realizamos programas de radio social en diferentes eventos, como o Compostela mais solidaria, e temos o noso propio programa de radio comunitaria, ao que chamamos Castañas no Verán.