A última sesión da formación “Aprendendo a combater a LGTBIfobia” tivo lugar onte, xoves 5 de maio, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. A actividade, organizada pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (AGARESO), constou de tres sesión gratuítas os días 19, 26 e 5, enfocadas en aprender a loitar contra o odio LGTBIfóbico dende a comunicación.
As sesións achegaron ao alumnado as bases teóricas necesarias para entender o contexto do odio e sentar os conceptos básicos para xerar novas narrativas arredor da comunidade LGTBI. Así mesmo, a práctica foi o piar fundamental das formacións, nas que desenvolveron análises de novas, dinámicas, debates e xeración de pezas propias de comunicación. Estes contidos formarán parte da campaña #mudaoconto, que verá a luz as próximas semanas nas redes da organización.
Os discursos de odio están cada vez máis presentes na sociedade, debido á proliferación das fake news e á crispación política e social. A LGBTIfobia é unha das tipoloxías de odio que máis preocupan. O Observatorio Coruñés contra a LGTBIfobia presentou no seu Informe 2020 que existiran, só en 2021, ata 48 incidentes de odio en Galicia e, un elevado porcentaxe deles, tiveron lugar de maneira online, nas redes.
“Aprendendo a combater a LGTBIfobia” xorde da necesidade de poñer a disposición do alumnado de comunicación galego as ferramentas necesarias para detectar os discursos de odio e contribuír a combatelos a través de novas narrativas que aposten pola igualdade, solidariedade, diversidade, inclusión e respecto mutuo.
Estas formacións englóbanse dentro do proxecto “Muda o conto: Mocidade contra o discurso do odio nas redes”, unha iniciativa financiada pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, que xa contou cunha primeira edición no 2021. As sesións serán organizadas, tamén na Universidade da Coruña e na Universidade de Vigo, co obxectivo de chegar ao maior número de alumnado de comunicación galego posible.