Son os participantes do obradoiro de comunicación de guerrilla do proxecto #PeopleAndPlanet impulsado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e impartido por Agareso.

 

Buscar impacto, xerar conciencia, transgredir… estas son solo algunhas das características coas que poderiamos definir a comunicación de guerrilla, unha técnica comunicativa suxerinte e nada convencional que se vale dos cánones da publicidade, da performance, do uso do mobiliario urbano ou da intervención en monumentos…, co obxectivo de utilizar o espazo público para provocar unha reflexión na cidadanía.

Neste caso serán os mozos e mozas de dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Soliedariedade os que porán a súa

creatividade a traballar para deseñar e propoñer unha acción que faga reflexionar aos seus veciños e veciñas en torno ao dereito a auga e as súas problemáticas asociadasFarano tras participar en tres obradoiros previos impartidos pola Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social onde aprenderán non solo as peculiaridades que usa esta táctica comunicativa senón tamén sobre a temática a tratar: a auga como un dereito humano fundamental e a crise climática global.

Este sábado darán comezo os obradoiros en Tomiño e tódolos martes do mes de outubro no concello de Bergondo. Así que advertidos quedan, se nos próximos meses pasean polas rúas de Tomiño, Bergondo ou A Pastoriza, Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Ponteareas, A Pobra do Caramiñal, Rianxo, Pontevedra e Teo, prepárense cando menos, para a sorpresa.

#PeopleAndPlanet

O proxecto ‘People & Planet: un destino común’ ten como obxectivo concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde