A poboación desencadea unha xigantesca campaña de saneamento en todo o territorio nacional.
José Augusto Mendonça (Guinea-Bissau). Foi unha mobilización total do pobo guineano contra unha eventual irrupción do ébola. O país enteiro viuse envolto, entre as 7 e as 17.30 horas do sábado 30 de agosto, nun xigantesco traballo de saneamento ambiental que mobilizou a toda a poboación, incluíndo aos presidentes da República, da Asemblea Nacional Popular, do Tribunal Supremo de Xustiza, o primeiro ministro e outros membros do seu equipo de goberno e deputados nacionais.
Na mañá, provisto de material de limpeza, o presidente da República deu exemplo á maioría dos seus concidadáns, que decidiron imitalo nesta tarefa para limpar e desinfectar o medio en que viven, no marco da loita contra enfermidades como o ébola e o cólera.
José Mário Vaz, que dirixiu os traballos desde o mercado central da capital, Bissau, coñecido como Bandim, eloxiou a iniciativa do Executivo e lembrou que os propios guineanos deben tomar precaucións en termos de salubridade. Considerou que se trata dun acto de extrema importancia para o país e engadiu que responde ao chamamento realizado na toma de posesión.
O trío de ministros que o acompañaba mostrouse satisfeito co desenvolvemento das actividades. Sintetizando a posición dos seus compañeiros de Finanzas e Defensa, o ministro do Interior subliñou a gran colaboración da poboación nos diferentes barrios. Destacou así mesmo o traballo dos efectivos das Forzas Armadas, que tamén se mobilizaron nesta campaña.
“Desexo que todos os días sexan como o de hoxe”, indicou o xefe de Estado guineano. Lembrou ademais que o combate contra a pobreza comeza precisamente coa promoción da hixiene e engadiu que a cidadanía debe asumir a responsabilidade de contribuír á limpeza do país.
Durante a rolda realizada para este artigo detectáronse toneladas de lixo amontoado nas cunetas das estradas polos veciñosimplicados na campaña de limpeza e que logo serían retirados por persoal do Concello de Bissau.
“Certamente, o país está sucio e precisa accións desta natureza”, declaraba unha moza que procedía á limpeza dunha foxa de drenado de augas pluviais nun dos barrios da capital. Esta idea foi reforzada por un membro da asociación veciñal dos barrios periféricos, que animou a todo o mundo a proceder de igual maneiraporque, á fin e ao cabo, estarían a beneficiar a saúde colectiva.
Neste sentido, o representante local da Organización Mundial da Saúde (OMS) eloxiou a iniciativa do Goberno, que cualificou de oportuna, prudente e responsable.
Do mesmo xeito, o presidente da Asemblea Nacional Popular, Cipriano Cassama, desprazouse á segunda cidade do país, Bafata, para dirixir os traballos de limpeza e desinfección nesta área. Pola súa banda, o responsable do Tribunal Supremo, Paulo Sanha, viaxou á zona sur con idéntico obxectivo. O primeiro ministro, Domingos Simões Pereira, coordinou actividades semellantes na rexión de Oio, concretamente en Cacheu, Canchungo, Farim e Mansoa.
Tras a exitosa acollida da campaña, o Executivo fixo pública a súa intención de dar continuidade a estas accións na última fin de semana de cada mes