O pasado mes de novembro tivemos o segundo obradoiro de EpdLab. Nel, falamos de sexismo e roles de xénero nos medios de comunicación. Ano tras ano, este obradoiro funciona moi ben porque engancha co seu día a día, coa súa realidade máis próxima. E, ano tras ano, sacamos as mesma conclusións: as novas xeracións melloran con respecto á nosa pero tamén aínda queda un camiño moi longo por percorrer. Explico as dúas conclusións agora:

A primeira, a que ten que ver con que esta xeración mellora con respecto a nosa, sacámola en primeiro lugar de que saben que é o machismo ou o sexismo. Algo que quizais a nosa xeración sabía pero non as dos meus pais. Ademais, son quen de ver e rexeitar actitudes machistas nos medios e no seu días a día. Porque son quen de verbalizar estas actitudes, de sinalar que ningún home ten dereito de dicirlle a unha muller con quen ten que andar, que os celos non son unha forma de demostrar amor, que as mulleres na publicidade, na TV na maioría dos casos úsanse como reclamo, etc. Non sei vós, pero eu penso en cando tiña a mesma idade que eles (hai pouco máis de 20 anos) non creo que tiveramos isto tan claro. E sobre todo, teño a seguridade de que nunca se nos falara destes temas nas aulas (nin nas casa, nas rúas…). E aquelo que non se nomea non existe. Mini-punto para as novas xeracións.

Pero o sexismo forma parte dunha estrutura. Un sistema patriarcal forte, arraigado e poderoso. Un sistema que privilexia ao 50% da sociedade e que tamén está representado nas aulas. Non é de estrañar, por tanto, que esta sesión enganche moito máis a elas que a eles. Que as respostas que citei no anterior parágrafo sexan máis habituais nas rapazas que nos rapaces. E se os (futuros) homes das aulas non se senten interpelados e naturalizan, por exemplo, o feito de que un cantante apareza rodeado de 15 mozas, queda moito por facer. Outra dificultade, quizais máis complexa, está na capacidade do propio sistema para apropiarse dos conceptos para roubarlles o significado. Houbo debates (como todos os anos) moi interesantes sobre o vestido de Cristina Pedroche, “que é feminista porque é a súa liberdade”, algo sobre o que reflexionaba moi acertadamente Cristina Domínguez.

Como comezaba dicindo, este obradoiro sempre é moi interesante pola implicación que consegue en todo o alumando. Por iso non queremos quedarnos só co camiño que queda por percorrer senón tamén co camiñado. E que mellor que ver os traballos que fixeron na aula. Que os disfutedes!