Este 2020 vai ser un ano difícil de esquecer. Foi o ano que parou o mundo. Parou todo, menos a necesidade de loitar por un mundo mellor. Por iso, en Agareso mantivemos a actividade durante a pandemia, adaptando o noso traballo ás necesidades das persoas e entidades coas que colaboramos.

Durante todo este tempo seguimos traballando en Cooperación no Exterior, dende a distancia, da man de ACPP Galicia, en El Salvador e na República Dominicana, e de Arquitectura sen Fronteiras, en Guatemala. A corentena pillou en terreo a parte do equipo. Tiveron que adiantar a súa volta a Galicia e, unha vez reagrupadas, anulamos todas as viaxes seguindo os consellos das autoridades sanitarias. Puxemos en pausa aquelas actividades que esixen a nosa presenza física e adaptamos aqueloutras que se poden desenvolver virtualmente. Os nosos coñecementos e ferramentas están ao servizo das nosas contrapartes, co obxectivo de axudarlles a sobrepoñerse nesta difícil situación.

Adaptamos, tamén, ao novo contexto todos os proxectos de Educación para o Cambio Social que levamos a cabo nos centros de ensino galegos, grazas á financiación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE. Durante a pandemia, seguimos traballando en máis de 15 centros educativos galegos co #EpDLab, co #OMundoqueQueremos e co #EscolaSenRacismo, que levou a cabo unha edición virtual do seminario da USC. Todos os tres siguen en marcha este curso, trasladándose en maior ou menor medida ás plataformas dixitais. E, tamén a través da rede, continuamos desenvolvendo proxectos de promoción da igualdade e de prevención da violencia machista, man a man coas Anpas galegas.

Comprácenos comunicarvos que a Fundación La Caixa aprobou, tamén, a segunda fase de A Tribo, o proxecto de acción social que desenvolvemos xunto a IGAXES e que nos permitirá loitar un ano máis a prol da igualdade de oportunidades das mozas e mozos en risco de exclusión social, nas aulas e na rúa.

O documental En deuda con todas. Unha historia sobre a penalización do aborto en El Salvador, co que esperamos contribuír á incidencia política e social dos colectivos que loitan polos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres salvadoreñas, segue a súa andaina polo circuito de festivais de cinema, nun ano especialmente complicado para este tipo de eventos. As proxeccións públicas, en Galicia e no resto do Estado, víronse loxicamente afectadas pola corentena e polas medidas sanitarias, pero agardamos que axiña poidamos recuperar a actividade. En todo caso, como sabedes, está dispoñible na rede para que o poidades ver e compartir.

En xuño, estreamos tamén La escuelita del Manchón, o documental que fixemos con financiamento do Concello de Santiago de Compostela co obxectivo de retratar, non só a situación da educación no país Centroamericano, que está á cola do investimento educativo en toda Latinoamérica, senón tamén o traballo que realiza Arquitectura sen Fronteiras, xunto coas súas organizacións socias, Proyde, Asiaprodi e Prodessa, para fomentar unha educación de calidade e inclusiva na zona sur de Guatemala, onde traballan desde hai máis de 22 anos.

O noso voluntariado levou adiante este ano -xusto este ano- un proxecto marabilloso, o podcast Castañas no verán, que naceu en abril para entreter, acompañar e sobre todo para falar de temas que normalmente quedan agochados nas axendas dos medios. Non deixedes de escoitalo!

Axúdasnos a continuar?

Levamos, en fin, moito andando. Pero quédanos aínda moito máis por andar. Asumimos o esforzo que está por vir con responsabilidade, pero tamén cunha grande ilusión. Por este motivo, seguimos considerando esencial a vosa achega, participación e opinión como socios ou socias como parte fundamental do noso quefacer pasado, presente e futuro.

Para nós é importante ter unha base social ampla e diversa que nos permita demosar que existe xente en Galicia comprometida coa comunicación como ferramenta de transformación social. Cantas máis socias e socios sexamos, máis forza poderemos ter nas nosas demandas. Así que, se podedes dar o paso, animádevos a asociarvos. Só tedes que descargar, cumprimentar e enviarnos este documento de alta e pagar a vosa cota antes de que remate o mes de novembro. As cotas pode ser dun mínimo de 10 euros e dun máximo de 50, o abono da cota é unha condición indispensable para ser socia/o, segundo recollen as bases da entidade, pero para nós a cantidade que poidades achegar é o menos importante. O que importa é poder contar con vós!

E se tedes calquera dúbida sobre o proceso de asociación, contactade con Sonia ou con Lorena.