Celebramos 10 anos de EpDLab cun novo hackathon en Bandeira ?

Este martes foi un día moi especial para toda a comunidade de EpDLab: celebramos os 10 anos do noso primeiro proxecto como organización coordinadora no ámbito da Educación para a Cidadanía Global.

Dez anos de aprendizaxes compartidas, de retos, de encontros, de ilusións e tamén de moitas transformacións. EpDLab naceu co soño de poñer a mocidade no centro, e dez anos despois seguimos traballando con máis forza que nunca por unha educación para unha cidadanía crítica, e comprometida coa defensa dos DDHH.

A celebración non podía ser doutra maneira: un Hackathon en Bandeira, unha das citas máis agardadas cada curso polos centros participantes. Este ano, reunimos a preto de 100 mozos e mozas e máis 11 docentes, que traballaron arreo en grupos sobre cinco temáticas clave, elixidas por eles e elas a comezos de curso:

  • ? Saúde mental e benestar

  • ? Medio ambiente

  • ✊ Activismo e cambio social

  • ? Dereito á educación

  • ? Convivencia e bo trato

Durante a xornada, a creatividade, o traballo en equipo e a comunicación foron as ferramentas protagonistas. Os grupos crearon mensaxes potentes, con formato de vídeo, para sensibilizar, propoñer cambios e soñar xuntas con novos futuros posibles.

As actividades contaron co apoio das dúas brigadas de voluntariado que fixeron que todo fluíse da mellor maneira: por unha banda, un equipo de 10 persoas encargadas das tarefas loxísticas (organización dos espazos, comida, limpeza…); por outra, 10 persoas máis dinamizaron unha decena de xogos tradicionais, como carreiras de sacos, xogo de cordas, petanca ou tiro de corda, creando un espazo de encontro interxeracional, diversión e aprendizaxe comunitaria.

Queremos agradecer especialmente a todo o profesorado e aos centros que seguen a facer de EpDLab unha comunidade forte e cohesionada.

De aquí nun ano… repetimos!

#EpDLab10Anos #EducaciónTransformadora #Hackathon2025 #CidadaníaGlobal #MocidadeActiva #ComunidadeEpDLab