10 anos de EpDLab: comeza o curso 24-25
O pasado xoves 4 de outubro celebramos a primeira actividade de EpDLab 24-25. Xuntámonos na biblioteca do IES de Brión, que foi renovada hai 2 anos, creando un espazo moi agradable para o traballo en grupo. Neste escenario, e despois de meses sen vérmonos en persoa, arrincamos esta décima fase de proxecto coa motivación de reforzar un camiño compartido durante 10 anos.
Todos os centros repiten e, aínda que hai docentes que se implicarán por primeira vez durante este curso, a historia de EpDLab xa lle é familiar grazas ás achegas das súas compañeiras e compañeiros. En xeral, un ambiente moi familiar e comprometido, que permitiu abordar todos os puntos previstos ao tempo que houbo espazo para debater e propor ideas novas.
Entre estas novidades, falamos de estratexias para promover a mobilización social dende as aulas, para o cal abordamos actividades do proxecto como as presentacións públicas e as sesións con grupos de alumnado de cursos anteriores.
Respecto ás conclusións deste primeiro encontro, planificamos as actividades, poñendo o acento sobre o hackathon e as sesións con outros grupos do centro. O profesorado tamén amosou interese polo proceso de colaboración coa universidade, salientando a estabilidade na estrutura do proxecto, que xa o convirte nunha ferramenta de ensino e aprendizaxe transversal no currículo.