A voluntaria de AGARESO Uxía Pérez Fieiras participou no obradoiro de Youtubers para o Cambio Social que impartiu Antonio Grunfeld no IES de Brión, dentro do proxecto Escolas sen Racismo que desenvolvemos da man de Asemblea de Cooperación pola Paz (ACPP) e compartiu con nós esta crónica:

Youtube parece estarse convertendo no novo espazo de expresión para moitos mozos e mozas. Con este pensamento chegamos ao Instituto de Brión, agardando atopar un grupo de estudantes con paxaros na cabeza, con aspiracións imposibles, con heroes virtuais sobrevalorados como referentes. Porén, chegamos sen darnos conta de que eles coñecían ese universo virtual moito mellor ca nós, e que saberían pois aproveitalo.

Asumindo que a resposta sería clara, preguntamos aos rapaces cales eran os seus youtubers favoritos. Algúns deles tíñano claro, mais a resposta dominante sorprendeu, máis no momento no que comezamos a traballar. A maioría fuxían deste mundo, dos consellos que son admirados por miles de visualizacións. O máis sorprendente foi un medo xeneralizado a expresarse ante as cámaras. Un medo que desapareceu cando comezamos a construír o guión das súas realidades, das súas verdades, e se deron conta de que si eran capaces de transmitir unha mensaxe capaz de mobilizar. Racismo, desigualdade de xénero e salarial e cambio climático foron algunhas das inxustizas que defenderon os alumnos dos IES de Brión nos seus vídeos, asumindo que o seu esforzo tamén conta.

Podedes consultar a Guía Didáctica, aquí.