No mes de decembro, Agareso colaborou intensamente na rodaxe en Galicia do documental Manoliño Nguema: dous mundos que se tocan, sobre a vida do artista ecuatoguineano Marcelo Ndong (alias Manoliño Nguema) formado no coñecido Circo da Cidade dos Muchachos de Bemposta (Ourense). Unha iniciativa da produtora Filmika Galaica e a ONG Waka films á que nos sumamos dende o primeiro momento.

Despois de rodar no mes de xullo en Guinea Ecuatorial cun equipo desprazado ata alí, Marcelo e dous dos seus mellores alumnos, Gorsy edu e Raimundo Bernabé (Russo), tamén ecuatoguineanos e coprotagonistas do documental, chegaron a Galicia o pasado dia 3 de decembro para comezar de novo as gravacións.

O obxectivo da rodaxe galega era, por unha banda, coñecer parte dos escenarios que marcaron a adolescencia e xuventude de Marcelo, como Ourense, Bemposta, as rúas de Santiago de Compostela (coas que o artista non se atopaba dende había practicamente vinte anos) e, pola outra, representar no Teatro Principal de Santiago unha obra, sobre a súa propia vida, encargo do seu amigo e compañeiro de escenarios Quico Cadaval.

Así que á intensidade propia dos días de rodaxe e dos encontros con amigos e familia que hai décadas que non se ven (Marcelo ten fillos ourensáns), uníronse os ensaios dunha obra de teatro que se construíu en Malabo e que se estrearía nunha das salas mais importantes da capital galega. Todo, por suposto, rehogado con cocidos propios da época, un pouquiño de polbo (pouquiño eh! que andaba moi caro) e viño da casa… sabores tantas veces recordados por Marcelo dende a cálida capital guineana.

E chegou o 15 de decembro, estrea da obra teatral, e día culme tamén para o equipo da rodaxe que non quería perder nada do que alí acontecese. As cámaras rodaron entre bambalinas, nos camerinos, os segundos previos a saír a escena e tamén as caras deses amigos de Marcelo de toda a vida acochadas entre o público que practicamente encheu o teatro.

Esa tarde en Santiago soaron cancións galegas e ritmos fang (etnia a que pertence Marcelo). Soou o pandeiro, a guitarra e o Nkú… Soaron as voces do público entoando xunto a Marcelo, Gorsy e Russo “Catro vellos mariñeiros”. Soaron aplausos e tamén os suspiros de xúbilo do equipo técnico e os berros de ledicia nos camerinos, unha vez rematada a función.

O día 21, tras visitar a tumba do Padre Silva (fundador de Bemposta e amigo íntimo de Marcelo) na pequena aldea de Vilanova dos Infantes en Ourense, o equipo da rodaxe volvía a casa, canso, pero co corazón cheo de #espíritumanoliño, ese facer as cousas simplemente porque merecen a pena. Porque hai historias incribles e inspiradoras que unen persoas, países e continentes, e que aínda teñen que ser contadas.

Sinopse Manoliño Nguema

Marcelo Ndong, un sexagenario artista africano formado en España, e que agora rexenta unha pequena guardería en Malabo (Guinea Ecuatorial), recibe unha inesperada proposta. Como en tantas outras ocasións deberá montar unha obra de teatro, pero esta vez, o argumento será el. A súa propia vida.

Co apoio de dous dos seus mellores alumnos, Marcelo creará en Malabo unha obra de teatro que será representada en Santiago de Compostela. Unha viaxe persoal e creativa que os conducirá desde a Guinea postcolonial e a España franquista, ata a actualidade de ambos países, para ir pouco a pouco descubrindo a través do seu incrible periplo vital como mimo, músico, actor, circense, pero sobretodo migrante, os vivos e ata agora pouco coñecidos lazos culturais que unen Guinea Ecuatorial e España.

O documental Manoliño Nguema é un alegato en favor da migración, unha mirada positiva ante o poder integrador e sanador da cultura