Un cento de rapaces e rapazas de localidades tan diversas como Viana do Bolo, o Milladoiro, Vilagarcía, a propia Silleda ou Bueu xuntaranse este xoves, día 26, na Casa da Cultura da vila pontevedresa para participar nun hackaton pola diversidade. Trátase dunha xornada intensiva de traballo creativo conxunto na que participa todo o alumnado vinculado este curso ao EpdLab, un proxecto de innovación educativa que vimos desenvolvendo dende 2015 en centros de toda Galicia e que traballa temática social a través de ferramentas da comunicación dixital como os memes, os gifs, o stop motion, os microvídeos dende o móbil ou a contrapublicidade.

Un hackathon é un evento no que nun breve espazo de tempo un grupo de persoas de forma colaborativa intentan crear prototipos ou solucións para unha problemática. O termo provén da mestura das palabras “hacker” e “maratón” e, normalmente, vinculase ao ámbito da informática, aínda que dende hai un tempo o uso da palabra expandiuse a outros eidos. Neste caso, a actividade dirixirase á creación dunha acción de comunicación dixital para difundir o que entende o alumnado galego por un mundo máis diverso, igualitario e inclusivo.

Así, un cento de rapaces de distintas idades e procedencias traballarán, de forma colectiva, dende as 10h30 ata as 17h30 no deseño e elaboración de memes, gifs, fotos, microvídeos ou pequenas pílulas de vídeo moi coñecidas e recoñecibles, pero con dobraxes alternativas ás orixinais. O obxectivo: chamar a atención da sociedade sobre a necesidade de defender a diversidade na escola, nos medios e na sociedade. Un xogo que estimula creatividade e o diálogo, demostrando que colectivamente se poden facer cousas para cambiar a nosa realidade máis próxima e que a comunicación ten un gran potencial transformador.

EpDLab é un proxecto educativo que xorde a partir da reflexión colectiva de varios grupos da ESO en Galicia, máis outros grupos en El Salvador e República Dominicana. O alumnado traballa con ferramentas TIC para crear e difundir na rede contidos ao redor da igualdade de dereitos, da participación responsable e da xustiza social, apropiándose dos medios que teñen nas súas mans para participar en accións innovadoras cara á comunicación inclusiva, o desenvolvemento social e á denuncia da desigualdade.

O Concello de Silleda colabora co evento, a través da concellaría de Benestar Social, Igualdade, Educación e Sanidade, que cede o uso das instalacións municipais. A concelleira, Mª Pilar Peón Iglesias, dará a benvida ao estudantado, xunto Lorena Seijo, coordinadora da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (Agareso), Roi Guitián, coordinador do proxecto EpDLab e Xesús Fdez. Sulleiro, director do IES Pintor Colmeiro.