"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
Reportaxes Cando a sanidade se convirte nun luxo
Martes, 31 Xaneiro 2012 11:39

Cando a sanidade se convirte nun luxo

Escrito por Natalia Puga
Valore este artigo
(0 votos)
Cando a sanidade se convirte nun luxo Loreto Costa

O documental Non che doe? (Non che doe?) recolle o traballo dunha brigada sanitaria de Solidariedade Galega. O audiovisual foi realizado pola ONGD  AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios) e está contado en primeira persoa. Profesionais da menciña e enfermaría de Galicia desprázanse cada ano a lugares como Nicaragua, para dedicar tres semanas das súas vacacións a prestar atención sanitaria a persoas sen recursos. 


Un acto tan cotián en España como ir ao médico pode ser un feito único na vida de moitas persoas. En Nicaragua, sobre todo en poboacións rurais, viven anciáns de setenta ou oitenta anos que nunca foron ao dentista ou se fixeron unha revisión xinecolóxica ou oftalmolóxica, etc. Tamén existen outros problemas que na súa orixe poden ser menores, como pequenos traumatismos,  pero que por falta de atención derivan en graves lesións ou enfermidades mortais. Este é o caso de Anielka, por exemplo, unha nena de 10 anos con estrabismo e unha hipermetropía de +10 dioptrías que provoca que case non vexa de lonxe e moi pouco de preto. Vive en Murra, unha poboación do interior de Nicaragua na que non traballa ningún oftalmólogo. A brigada galega proporcionoulle  unhas lentes (doadas por un ancián con cataratas) que lle permitiron ver con nitidez por primeira vez, desde que aos dous anos empezaron os seus problemas de visión.

A historia de Anielka é unha das máis dun milleiro que se poderían contar en tres semanas  de traballo da ONGD Solidariedade Galega en Nicaragua. Desde hai unha década, esta organización programa brigadas sanitarias a países de Latinoamérica con especialistas en disciplinas médicas que non se practican nos lugares de destino.

As súas experiencias, os testemuños dos pacientes aos que atenderon e a situación sanitaria deste país no que o 48% da poboación sitúase baixo o limiar da pobreza aparecen reflectidas no documental, narradas polos propios protagonistas.

Os protagonistas, en primeira persoa

A xornalista Loreto Costa foi a guionista. Ela e o cámara Miguel Caruncho acompañaron  á brigada de Solidariedade Galega a Nicaragua e compartiron as súas alegrías, frustracións e, sobre todo, as súas até 18 horas de traballo diario. Tras repasar todo o material recolleito, tomou unha decisión que deu como resultado un audiovisual que implica ao espectador desde a primeira frase: non utilizarían ningunha voz en voz, serían os propios protagonistas os que irían contando a historia.

“Son xornalista porque me gusta contar historias. E o marabilloso de historias como esta é que, ademais, cóntanse case soas. Eu fun a mediadora entre o traballo do persoal sanitario, as reaccións dos beneficiarios e o espectador final”, relata.

Emociónase só con tentar resumir o traballo realizado polo equipo médico e lembrar a intensidade e as emocións da súa estancia en Nicaragua. E insiste en que nada sería posible sen outros profesionais da Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO). O operador de vídeo Carlos Mendaña e Alejandro Espiño, que lle deron forma ao material en Galicia.

Profesionais con conciencia

Mónica García Casás, enfermeira, vicepresidenta da ONGD e coordinadora desa expedición, teno claro: Para nós o traballo alí é moi importante, porque cando vés xa deixas resultados, non é un proxecto que terá que madurar. Cando operas a un neno que ten un pé completamente torcido, por exemplo, sabes que poderá   ir camiñando á escola e iso pode cambiarlle a vida.

Eloxia a implicación dos seus compañeiros, que son xente altruísta que se anima a vir porque quere dalo todo. Xa só por coñecer a este tipo de persoas  merece a pena. Agradece o agarimo dos beneficiarios: o que aprendes deles é incrible, vives sensacións que che sorprenden unha chea, aquí compartimos o que nos sobra, pero alí danche as mellores cousas, o que non teñen.

Axuda que nunca poderían ter

Mónica non se esquece ademais da entrega dos médicos e enfermeiros nicaragüenses que moitas veces teñen que cruzar ríos a nado, andar catro horas e volver no mesmo día. Sobre todo, queda cunha imaxe: a dos nenos aos que axudan. Ves a un neno de seis anos da man dun de dez e outro de dous que veñen sos, camiñando quilómetros, á revisión medica. Só ver a súa cara de alegría, xa reconforta. Os adultos non quedan atrás: Cando lle pos a alguén lentes con 32 anos e ponse a chorar coma se fose un milagre, a profesión refórzache o dobre.

Ademais, resalta que grazas a expedicións como a da súa ONGD moitas poboacións da selva ou da costa de Nicaragua teñen acceso a especialidades sanitarias que no seu país non existen, cuxos expertos están a moitos quilómetros ou cuxos servizos non poden pagarse, xa que teñen unha economía de subsistencia e non poderían nin custearse o autobús.

Non che doe? xa se proxectou en varias localidades galegas e tamén será emitido pola TVG2. Ademais varios docentes interesáronse en mostrar este traballo nos centros educativos nos que imparten clase.

Información adicional

  • Subtítulo:
Natalia Puga

Natalia Puga

Nada en Pontevedra en 1982, é licenciada en Xornalismo poa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidad Pontifiicia de Salamanca (UPC) e posúe formación superior en Deseño Gráfico e Publicidade e Relacións Públicas. Os inicios da súa carreira profesional estiveron enfocados á prensa escrita como redactora dos xornais galegos Faro de Vigo e Diario de Pontevedra e na axencia de noticias Europa Press, pero tamén ten experiencia no campo da comunicación corporativa como asesora dunha empresa do sector da construcción. Na actualidade é colaboradora da delegación de Galicia de elmundo.es e comezou a enfocar a súa carreira profesional e inquedanzas formativas cara o campo do terceiro sector. Dende 2009 é vicepreisdenta da ONGD AGARESO e dende 2010 coordinadora de Proxectos da entidade.

E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Engadir comentario


ESCOITA Agareso Radio

AGARESO Radio

Winamp  windows Media Player  Real Player  QuickTime


Axenda

Buscar

Calendario

« Maio 2012 »
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31