"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
Reportaxes Roupa para Europa por 0,36 euros a hora
Venres, 27 Xaneiro 2012 00:07

Roupa para Europa por 0,36 euros a hora

Escrito por Natalia Puga
Valore este artigo
(0 votos)

A investigación 'A moda española en Tánxer: traballo e superviviencia das obreiras da confección' denuncia as "condicións de vida e traballo precarias que sofren as traballadoras en talleres téxtiles de Tánxer que son provedores de grandes marcas internacionais".

AGARESO desprazouse entre os anos 2007 e 2011 á cidade marroquí de Tánxer no marco dos seus proxectos de visibilización e sensibilización e en todas as expedicións retratou historias de vida de mulleres traballadoras da industria téxtil integradas na asociación Attawassol.

Estas historias sacan á luz as condicións laborais precarias das obreiras. Unha investigación realizada pola campaña Roupa Limpa, coordinada a nivel estatal por Setem e en Galicia por Amarante Setem, corrobora esta situación a través das vivencias de 118 traballadoras.

A investigación 'A moda española en Tánxer: traballo e superviviencia das obreiras da confección' saca á luz "as duras condicións das obreiras de confección marroquís: exceso de horas de traballo, baixos salarios, abusos verbais e físicos, arbitrariedade na contratación e o despedimento, medidas disciplinarias desproporcionadas e obstáculos á acción sindical".

Chama a atención sobre situacións que en Europa, onde se vende posteriormente a roupa que elas elaboran, xa están superadas. Unha delas é a utilización desmedida das horas extras, pois para estas obreiras "son obrigatorias e non se adoitan remunerar". Ademais, motiva que as súas xornadas laborais se prolonguen ata as 12 horas diarias.

O resultado é que estas traballadoras traballan 12 horas, seis días á semana e cobra, a final de mes, salarios que non chegan aos 200 euros. En ocasións, estas empregadas cobran menos de 100 euros mensuais. É o caso das máis novas. Moitas non teñen nin 16 anos e os empresarios as consideran aprendices, de forma que traballan sen contrato e as mesmas horas que as súas compañeiras, pero cobran tres veces menos, 0,36 euros a hora.

Marcas internacionais

A maioría das obreiras entrevistadas traballan en talleres provedores de Inditex confeccionando roupa de marcas como Zara, Bershka, Pull&Bear, Stradivarius, Oysho ou Massimo Dutti. Aseguran que chegan a estar no posto de traballo ata 65 horas semanais e, "aínda que en xeral o salario chega ao Salario Mínimo Interprofesional Garantido (SMIG) de Marrocos, apenas 178,72 euros mensuais, seguen vivindo en situación de pobreza".

Segundo a investigación, "moitos dos talleres provedores de Inditex traballan tamén para Mango. As obreiras das fábricas provedoras de Mango tamén revelan que nos seus centros de traballo non se respecta o límite de horas e realizan ata 65 horas semanais".

O máis rechamante desta marca é que a súa memoria de actividades anuais de 2010 xa incluía auditorías que detectaban situacións non aceptables nalgúns provedores de Tánxer e que se establecera un prazo de seis meses para a corrección destas problemáticas. Non obstante, en 2011, estas condicións proseguiron.

Obradoiros provedores de Maioral, El Corte Inglés ou Dolce&Gabanna manteñen condicións laborais parecidas e teñen en común coas anteriores a falta de auditorías ou a dubidosa validez destas. Ao respecto, unha traballadora dunha fábrica provedora dunha grande empresa téxtil asegurou nunha entrevista deste informe que "cando aparecen auditores por sorpresa, os supervisores esconden as traballadoras menores na azotea ou en caixas de roupa baleiras". 

Información adicional

  • Subtítulo:
Natalia Puga

Natalia Puga

Nada en Pontevedra en 1982, é licenciada en Xornalismo poa Universidade de Santiago de Compostela (USC) e a Universidad Pontifiicia de Salamanca (UPC) e posúe formación superior en Deseño Gráfico e Publicidade e Relacións Públicas. Os inicios da súa carreira profesional estiveron enfocados á prensa escrita como redactora dos xornais galegos Faro de Vigo e Diario de Pontevedra e na axencia de noticias Europa Press, pero tamén ten experiencia no campo da comunicación corporativa como asesora dunha empresa do sector da construcción. Na actualidade é colaboradora da delegación de Galicia de elmundo.es e comezou a enfocar a súa carreira profesional e inquedanzas formativas cara o campo do terceiro sector. Dende 2009 é vicepreisdenta da ONGD AGARESO e dende 2010 coordinadora de Proxectos da entidade.

E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Engadir comentario


ESCOITA Agareso Radio

AGARESO Radio

Winamp  windows Media Player  Real Player  QuickTime


Axenda

Buscar

Calendario

« Maio 2012 »
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31