"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
Reportaxes Ante as drogas “DI-K-NON”
Venres, 13 Xaneiro 2012 10:28

Ante as drogas “DI-K-NON”

Escrito por Sabela Cinza
Valore este artigo
(0 votos)
Grupo de profesionais e internos que integran este proxectos Grupo de profesionais e internos que integran este proxectos Fundación Barrié

AGARESO segue as accións desenvolvidas no taller de prevención de consumo de substancias psicoactivas en adolescentes " Di-K-Non", creado pola Unidade Terepéutica Educativa del Centro Penitenciario de Teixeiro (A Coruña) e a Fundación Barrié

O consumo de drogas en adolescentes ten consecuencias de diversa índole: fracaso escolar e/ou laboral, problemas de saúde, perda de motivación e autoestima, problemas no ámbito familiar. A todo o anterior se lle engaden os delitos que se poidan cometer para satisfacer esa adicción, para poder custear o consumo habitual dunha ou varias substancias.

"Di-K-Non" pretende chegar ao fondo da cuestión a través de experiencias reais e verídicas: as dos usuarios da UTE Teixeiro. Os internos deste módulo terapéutico viviron as consecuencias do consumo en propia pel. Trátase de persoas que decidiron cambiar o rumbo das súas vidas e contar a súa traxectoria para que sirva de precedente, para aconsellar que non comece algo que despois é difícil de parar. Convértense en educadores para previr a drogodependencia.

Nunha primeira fase, os membros da UTE Teixeiro visitan o centro educativo. Nesta ocasión é a quenda do I.E.S. Moncho Valcarce (ÁsPontes). No salón de actos reúnense 53 alumnos da ESO e do Programa de Cualificación Profesional Inicial (PCPI), profesores, persoal e internos da UTE, representantes da Fundación Barrié, concelleiros de xuventude e servizos sociais e unha psicóloga especializada en prevención de drogodependencias do Concello Das pontes.

Os internos comezan cunha performance acompañada de música, todo feito por eles. En escena, narran como se empeza no mundo das drogas a través dunha peza sobre a historia dun rapaz de 16 anos que sufriu un accidente de tráfico por encontrarse baixo os efectos das drogas.

A continuación, dous internos contan as súas propias experiencias: como se iniciaron no consumo, que delitos cometeron para ter diñeiro que custease a súa adicción, como entran en prisión, que problemas de saúde teñen a raíz da súa drogodependencia, en que momento se decatan de que teñen un problema e como o están a solucionar a través da UTE e a súa decisión de rehabilitarse.

Un deles impacta especialmente ao público pola dureza do seu testemuño. O seu inicio no mundo das drogas na preadolescencia levouno a ingresar por primeira vez nun centro de menores con tan só 12 anos. O círculo ábrese aí, as condenas empezan a amontoarse ata que aos 18 anos ingresa en prisión. Acaba de cumprir 24 anos e é a primeira vez que se reconcilia coa súa familia.

Ábrese a quenda de preguntas, este é o momento no que realmente se ve o interese dos alumnos polas historias de vida que acaban de achegarlles. Calquera detalle esperta a súa atención, queren saber dende a súa vida antes do ingreso ata o seu día a día no interior dun centro penitenciario.

Para finalizar a visita, realízase a proxección dunha montaxe de imaxes e frases sensibilizadoras que reflicten outra das caras da problemática: o referente ás familias. Que senten os pais, irmáns, familiares ou amigos cando se decatan que existe unha dependencia, como viven esa adicción, como lles entristece ver á persoa en prisión, ou enferma, ou ambas as dúas cousas. A adicción ás drogas leva as súas consecuencias máis alá do propio consumidor.

A canción “No dudaría" (“Non dubidaría”) de Antonio Flores, tocada á guitarra por un dos internos, abre a porta á esperanza despois de máis dunha hora de cruas experiencias e consegue implicar na mensaxe alumnos, profesores e a todos os presentes. A partires deste intre, son os alumnos os que deben reflexionar sobre o tema. Para iso, ponse á súa disposición un material didáctico co que traballarán nas aulas. Este material está dispoñible para todo o que o desexe na páxina web de Educa Barrié.

Na seguinte fase, serán eles os que visiten o Centro Penitenciario deTeixeiro (A Coruña) como continuación da primeira sesión para que experimenten en primeira persoa as sensacións que se teñen cando se está privado de liberdade, entendida como unha das consecuencias directas do consumo de drogas.

 O consumo en datos 

Segundo a Enquisa Escolar sobre Uso de Drogas en Estudantes de Ensinanzas Secundarias (ESTUDES,2010), publicada pola Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas, os índices de consumo en nenos de 14 a 18 anos son os seguintes:

- O 73,6% dos estudantes din ter consumido alcohol no último ano, o 32,4% tabaco, o 26,4% cannabis, o 2,6% cocaína, o 2,1% alucinóxenos, o 1,7% éxtase, o 1,6% anfetaminas e o 0.6% heroína.

- A idade á que se comeza a tomar contacto con substancias está situada entre os 13-14 anos. Os datos tamén demostran que o consumo de drogas se incrementa coa idade.

- De cada 3 estudantes de entre 14 e 18 anos, un non consume, outro consume unha soa substancia e o último consume dúas ou máis substancias; é o que se coñece como policonsumo.

- Existe un incremento no consumo de drogas emerxentes como os cogomelos máxicos, o spice e a ketamina.

Información adicional

  • Subtítulo:
Sabela Cinza

Sabela Cinza

Nada en San Sadurniño en 1983, é licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Pontificia de Salamanca, realizou un Posgrao en Locución no mesmo centro educativo e un Master en Produción Audiovisual na Universidade de Alcalá de Henares e a FAPAE (Federación de Asociacións de Productores Audiovisuais Españois). Comezou a súa carreira profesional na radio no control de son e presentou unha sección nun programa televisivo en horario nocturno. Actualmente redacta artigos para páxinas web e fai locucións por encargo. Dende cativa tivo inquedanzas no ámbito do asociacionismo (pertencendo a entidades xuvenís e culturais) e o terceiro sector. É voluntaria de AGARESO.

E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Engadir comentario


ESCOITA Agareso Radio

AGARESO Radio

Winamp  windows Media Player  Real Player  QuickTime


Axenda

Buscar

Calendario

« Maio 2012 »
Lun Mar Mer Xov Ven Sab Dom
  1 2 3 4 5 6
7 8 9 10 11 12 13
14 15 16 17 18 19 20
21 22 23 24 25 26 27
28 29 30 31