Para chegar até a sede de Escaes hai que percorrer case catro horas en coche por camiños de terra desde o municipio de Piura até o pobo de Ayabaca, situado na serra, entre a montaña e a néboa. Na época de choivas o bosque seco que agora atravesamos, cheo de ceibos que parecen saídos dun conto para nenos polas súas divertidas formas, convértese en verdes montañas. Pero a choiva tamén fai que a terra empece a correr polas montañas e tape os camiños.
Nos días de néboa, se cae a noite, os coches non poden transitar a máis de 20 quilómetros por hora e ás veces até hai que baixarse a iluminar o camiño cunha lanterna para non caer ao precipicio. Estas son só algunhas das trabas ás que se enfrontan Delicia e Carmen para facer o seu traballo, que consiste principalmente en dotar aos campesiños e campesiñas da capacitación suficiente, en todos os ámbitos, para sobrevivir.
En Escaes traballando todos, pero cada un ten a súa especialidade. Carmen organiza xornadas de saúde e traballa man a man cos curandeiros, grandes coñecedores da mediciña tradicional da zona. Os enxeñeiros son os encargados da capacitación técnicas dos agricultores, da construción das pequenas presas de auga para paliar a seca. Delicia dá unha especial importancia aos cursos de alfabetización e empoderamiento que reciben as mulleres da zona e que serviron para cambiar moitas das actitudes machistas que se presentan na área rural. Todos os proxectos xorden das necesidades que expoñen as propias comunidades e un dos requisitos imprescindibles é que a poboación se comprometa a traballar directamente no proxecto. A lema é: ou traballamos todos ou o proxecto non sae.
A Xunta de Galicia financiou durante o últimos cinco anos todo este traballo. A razón é clara, é un dos proxectos máis exitosos, con máis percorrido e con maior implicación da poboación de todos os que actualmente se apoian.
No primeiro proxecto, Escaes empezou a promocionar as leiras agroecológicas, a capacitar aos campesiños, a apoiar negocios e os programas de microcréditos. A segunda fase centrouse en paliar as deficiencias de saúde, buscando plans de desenvolvemento das propias familias, mellorando a seguridade alimentaria, realizando xornadas de saúde en clínicas móbiles e mellorando as escolas tanto de nenos como de adultos.
No seguinte tramo deuse un paso máis coa creación de microempresas, a mellora da educación técnica agropecuaria, creáronse organizacións de mulleres e ampliouse a capacidade educativa. Na cuarta fase continuouse coa atención médica, a alfabetización, creáronse asociacións de produtores ecolóxicos e xeráronse feiras de venda de produtos locais.
Na última fase reforzáronse as capacidades organizativas e de xestión de orzamentos, mellorouse a calidade do chan e realizáronse propostas políticas, sociais e económicas para a zona. Ademais instaláronse sistemas de auga potable, creáronse pequenas presas apoiándose na sabedoría popular, rehabilitáronse canles de rega e creouse un centro de interpretación ambiental.

A voz dos beneficiarios
Eulalia Véliz, beneficiase do proxecto de escolas de alfabetización, nunca tivo a oportunidade de estudar. Casou moi nova, como case todas as mulleres de Ayabaca, e pronto tivo fillos. Escaes deulle a oportunidade de aprender a ler e escribir, completar os seus estudos primarios e agora ten a ilusión de poder ir á Universidade. Toda esta formación non só axudouna a ela, senón tamén ao seu catro fillos, pois viron na súa nai un exemplo a seguir e os catro acabaron os seus estudos, mesmo dous deles están na universidade.
Outro dos logros foi a creación da escola ambiental rural. Miguel Anxo Rivera, un dos profesores do centro, asegura que o colexio adaptou o pensum á realidade do alumno e imparte clases prácticas nas que produce verduras e cana de azucre ecolóxico.
"Queremos que os alumnos saiban que teñen oportunidades, senón poden estudar máis aló da secundaria, que polo menos sexan agricultores con visión, que traballar no campo non sexa necesariamente símbolo de pobreza", conta Rivera.
Os proxectos de rega e de construción de encoros xeraron un beneficio inmediato nas comunidades, xa que de poder realizar unha colleita na época de choiva pasaron a cultivar dúas ou tres veces ao ano. Os seus veciños, dos cerros próximos, sorprendidos polo verde que se vían os terreos desde o outro lado da montaña fixeron "unha expedición de investigación", para pescudar a razón de tanta fortuna. "Cando viron que tiñamos a auga canalizada e encoros pedíronnos que lles axudásemos a construílos. A diferenza entre ter auga para regar e non tela é ter algo que darlle para comer aos teus fillos ou que morran de fame", conta un dos líderes locais.

Escaes non deixa de lado a comunicación para o desenvolvemento no seu proxecto. As radios comunitarias sérvenlles para que as persoas que viven aos dous lados da fronteira poidan comunicarse e compartir información útil para o seu desenvolvemento. Como di Carmen Parrado, esta tamén é unha boa ferramenta para contribuír ao desenvolvemento dos pobos.











