O pasado domingo 27 de novembro comezou o Cumio de Cambio Climático en Durban, Sudáfrica. 193 países xunto con observadores da sociedade civil darán cita na Conferencia das Partes para dar a coñecer ata onde están dispostos a chegar nos seus compromisos para frear o cambio climático.
Amigos de la Tierra, xunto a outras organizacións da sociedade civil, está presente nas negociacións para pedir un compromiso real que garanta a equidade e a xustiza social. Así, dende a Federación Internacional ínstase aos Gobernos dos países industrializados a tomar as medidas necesarias que pide a ciencia, para evitar os efectos máis graves do cambio climático.
Amigos de la Tierra estivo a apoiar á sociedade civil a través das redes sociais, medios de comunicación e blogs, coa campaña "Ecos pola xustiza climática", e agora tamén o fará no cumio. María Tiimon, unha das protagonistas da campaña conta como a illa na que naceu, situada no arquipélago de Kiribati no Océano Pacífico, está a punto de inundarse pola suba do nivel do mar. María sinala que "os países industrializados son os que contaminan, mentres que as pequenas illas somos as que temos que sufrir as consecuencias. Que quero?: xustiza".
Os últimos cumios víronse bloqueados polas grandes potencias económicas, como EUA ou Xapón, que postergaron a necesidade dun acordo ambicioso baseado na xustiza climática. Non obstante os países industrializados están obrigados pola Convención Marco de Nacións Unidas para o Cambio Climático (CMNUCC) a reducir as súas emisións e financiar a adaptación e mitigación do cambio climático no resto de países.
Non obstante, encontrámonos nunha encrucillada en Durban. O Protocolo de Kioto, o único acordo legalmente vinculante do que dispoñemos, está moi preto de expirar e en lugar de apostar por unha segunda fase do Protocolo de Kioto a principal intención dos países industrializados parece ser converter o acordo en compromisos voluntarios.
O problema do cambio climático é ineludible, non podemos esperar, nin o alongar máis. Os países industrializados han de alcanzar un acordo que garanta a xustiza climática, un 40% de redución de emisións de C02 respecto a 1990, sen mercados de carbono e cun fondo de financiamento de polo menos 200.000 millóns" declara Alejandro González, responsable de cambio climático e enerxía de Amigos de la Tierra.






