"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
Reportaxes Comunicación ambiental Soberanía Alimentaria: unha resposta europea á crise
Mércores, 24 Agosto 2011 12:19

Soberanía Alimentaria: unha resposta europea á crise

Escrito por agareso
Valore este artigo
(0 votos)

Entre o 18 e o 21 de agosto, 400 delegados de 34 estados europeos reuníronse na cidade austríaca de Krems, no primeiro Foro Europeo para a Soberanía Alimentaria. Despois de cinco días de intercambio construtivo e inspirador, o Foro Europeo de Soberanía Alimentaria clausurou as súas sesións. No encontro, que tivo lugar na cidade de Krems, adoptouse a primeira Declaración Europea pola Soberanía Alimentaria.

Preto de 400 delegadas e delegados de 34 estados europeos comprometéronse a fortalecer a súa capacidade mutua para reclamar un control da cidadanía sobre os sistemas alimentarios, a enfrontarse ao sistema agroindustrial e a expandir e consolidar un movemento europeo forte en favor da Soberanía Alimentaria.

Máis de 120 organizacións e persoas a título individual, representantes da sociedade civil e de movementos sociais, debateron sobre os impactos das políticas europeas e globais actuais. Xuntas desenvolveron unha ampla alianza e un conxunto de principios para conseguir a soberanía alimentaria en Europa. O Foro resaltou a contribución da xente nova, das mulleres e dos produtores e produtoras de alimentos, cuxas preocupacións non son consideradas frecuentemente.

Por parte do Estado Español, participaron no Foro 22 representantes de organizacións agrarias, ecoloxistas, de consumidores e de cooperación agrupadas na Plataforma Rural.

A diversidade e a riqueza das experiencias permitiron ao Foro Europeo de Nyeleni 2011 identificar un marco común e definir un plan de acción conxunto, baseado nun proceso democrático e participativo. A declaración proclama o convencemento de que "un cambio no sistema alimentario é un primeiro paso cara a un cambio máis amplo nas nosas sociedades". As persoas delegadas do foro comprometéronse cunha activa e definitiva participación no sistema alimentario mediante:

1) O traballo dirixido a un modelo de sistema alimentario sustentable ecoloxicamente e socialmente xusto, baseado en pequenas explotacións e modelos de transformación e distribución alternativo de alimentos non industriais.

2) A través da localización do sistema de distribución de alimentos, a creación de circuítos curtos e o fortalecemento da relación entre produtores e produtoras e a cidadanía en xeral.

3) A través da mellora das condicións sociais e laborais, en particular no campo da alimentación e da agricultura.

4) A través da democratización da toma de decisións sobre o acceso aos bens comúns (a terra, a auga, o aire, as sementes, a biodiversidade, o coñecemento tradicional e as razas gandeiras).

5) Asegurando que as políticas públicas garantan a todos os niveis a vitalidade do medio rural, prezos xustos e estables para as persoas que producen alimentos e en xeral unha alimentación sa e libre de organismos modificados xeneticamente para toda a cidadanía.

Nesta época de déficit democrático e de crise económica e social, as delegadas e os delegados do foro de Nyeleni reafirmaron a súa visión de unidade que resalta os dereitos das persoas a definir os seus propios sistemas e políticas agrícolas e alimentarias, sen prexudicar ás persoas ou aos nosos bens comúns prezados, segundo os principios da Soberanía Alimentaria.

Declaración final do Foro de Nyeleni.




agareso

agareso

ONGD Asociación Galega de Reporteiros Solidarios

Páxina web www.agareso.org E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Engadir comentario


Axenda