"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
Reportaxes Comunicación ambiental Movementos sociais reúnense no primeiro Foro Europeo pola Soberanía Alimentaria
Luns, 15 Agosto 2011 14:32

Movementos sociais reúnense no primeiro Foro Europeo pola Soberanía Alimentaria

Escrito por agareso
Valore este artigo
(0 votos)

Un encontro clave para promover a transformación do sistema agrario e alimentario. Os participantes debaterán sobre as políticas agrarias europeas, incluíndo a súa responsabilidade nas crises alimentarias, e sobre o fomento de alternativas social, ambiental e economicamente sostibles ao modelo agrario e alimentario.

Máis de 600 campesiños e campesiñas, ecoloxistas, consumidores e activistas de toda Europa participarán no primeiro Foro Europeo pola Soberanía Alimentaria en Krems, Austria, do 16 ao 21 de Agosto.

O concepto de soberanía alimentaria supón unha crítica ao actual sistema neoliberal e unha alternativa para o cambio das políticas agrarias e alimentarias a nivel local, rexional e internacional. Foi lanzado pola organización internacional Vía Campesina en 1996 durante o Cumio Mundial da Alimentación da FAO.

A soberanía alimentaria pon as persoas que producen e consumen alimentos no centro das políticas agrarias, e apoia o dereito dos pobos a producir os seus propios alimentos de formas culturalmente axeitadas, con independencia das condicións dos mercados internacionais, reforzando o control local sobre o sistema alimentario.

Nun momento importante no debate sobre as políticas agrarias europeas e as causas das sucesivas crises alimentarias globais, os máis de 600 participantes, xunto a convidados de América, Asia e África, debaterán sobre os distintos modelos de produción de alimentos, os mercados e a organización da cadea alimentaria, as condicións sociais do traballo agrario, o acceso á terra e outros recursos naturais ou sobre as políticas públicas agrarias, pesqueiras, comerciais, de desenvolvemento rural...

Co obxectivo de poñer en común propostas que fagan viables modelos de agricultura de pequena escala, que manteñan un mundo rural vivo e dinámico en Europa, e que evite os impactos sobre terceiros países do actual modelo. Reivindicando que os modelos de agricultura baseados na soberanía alimentaria forman parte da solución a grandes retos globais como o cambio climático, a perda de biodiversidade ou a loita contra a fame.

Por parte do Estado Español, participarán no Foro 22 representantes de organizacións agrarias, ecoloxistas, de consumidores e de cooperación agrupadas na Plataforma Rural.


agareso

agareso

ONGD Asociación Galega de Reporteiros Solidarios

Páxina web www.agareso.org E-mail: Este enderezo de correo-e está a ser protexido de programas autómatas de envío de correo non sedexado, precisas activar o JavaScript para velo

Engadir comentario


Axenda