Dende Amigos da Terra consideran que a mellor lembranza que se pode facer de Rodrigo e Julio, como amantes que eran dos montes, así como de acto de solidariedade coas súas familias, compañeiros e compañeiras e comunicar unha vez máis as graves deficiencias que ten o Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia. Un ano despois do falecemento de Julio e Rodrigo nunha actitude de total deixadez, falla de sensibilidade, incompetencia…a situación en canto a prevención de riscos, formación, equipamentos con que dota a Xunta de Galicia aos servizos forestais oficiais é a mesma que nas campañas dos últimos anos, no aprenden dos erros pasados, “seguen facendo o mesmo e esperan resultados diferentes!”.
O traballo de prevención e extinción de incendios forestais realizase en condicións extremas de temperatura, transporte de ferramentas e equipos pesados por terreos accidentados. Responsabilidade, autoesixencia e unha gran carga emocional crean estres a que se engaden factores como incertidume debido ao perigo do propio traballo de extinción, ao tipo de lume, ao sistema de traballo en quendas, a falla de formación homoxénea, as ordes as veces contraditorias, as situacións de incomunicación por falla de cobertura e de equipamentos do conxunto do operativo.
Particularmente grave é a exposición a fumes e gases, CO2, gases e partículas en suspensión, nun lume forestal pode haber ata 200 compostos orgánicos, algúns deles canceríxenos e mutaxénicos a pequenas doses, niveis elevados de monóxido de carbono todo elo nun ambiente estrano sen o uso de protección respiratoria axeitada, protección nunca facilitada pola Xunta de Galicia.
O ruído do propio incendio procedente de diversas fontes (sirenas, bociñas, motores de maquinaria, os propios sistemas de comunicación, turbinas e hélices de medios aéreos…).
Os traballos nos servizos forestais teñen como característica principal a estacionalidade da maioría do persoal, na súa meirande parte son contratos temporais para a “tempada de máximo risco”.
Un traballo ao marxe da Lei de Prevención de Riscos (Lei 31/1995) e da súa normativa de desenvolvemento, inconcibiblemente despois de máis de 15 anos a Xunta de Galicia sigue sen realizar a avaliación de riscos nos servizos forestais e sigue sen contar co imprescindible Plano de Prevención de Riscos, é obrigatorio para todo o sector produtivo a realización dunha avaliación a fondo dos riscos laborais para concretar as medidas axeitadas en canto a: instalacións, equipos, materiais e medios de protección, determinación de funcións, organización, estrutura, xornada, formación precisa para estas tarefas…Se as Administracións Públicas incumpren o que se lexisla ¿Que se pode esperar?.
As medidas para incrementar a seguridade e a eficacia dos profesionais forestais pasan por: a estabilidade no emprego e a profesionalización do conxunto do sector. É preciso levar adiante estudos para saber o mínimo que hai que investir por hectárea forestal para unha boa xestión dos mesmos, saber o ratio do persoal necesario por superficie durante todo o ano e nas épocas de máximo risco para realizar unha política preventiva axeitada evitando e atallando os incendios forestais de forma segura e efectiva.






