O mércores 25 de abril tivo lugar a sétima sesión do Seminario de Xornalismo Social e Cooperación Internacional, onde quixemos resaltar o labor dos medios de comunicación non-convencionais. Xa sexa pola evolución tan rápida que están vivindo a través de internet ou polo tipo de xornalismo e de activismo que practican, desde AGARESO e ACPP viamos necesario abrir un espazo de preguntas e debate entre os alumnxs do seminario e algunxs representantes destes medios.

Durante a primeira sesión puidemos asistir ao relatorio do compañeiro portugués Francisco Ferreira, ao que o medios alcumaron “O Robin Hood do becario” tralo éxito da publicación da súa blog “Ganhem Vergonha” onde leva máis de 5 anos denunciando prácticas abusivas de empresas con contratos en prácticas ou postos bolseiros. Francisco ademais, quixo aproveitar o tirón do seu blog e o público que había fidelizado, para lanzarse á aventura da auto publicación do seu libro, a través dunha campaña de crowfunding. “Eu escribín o libro, reviseino, o maqueté, mandeino a publicar e agora envíoo ás librerías para véndelo” comentaba Francisco sobre a súa experiencia de facer todo este traballo el só. “A xente pensa que somos un colectivo porque sempre escribo en plural, pero realmente estou eu só”. Francisco terminou a súa charla advertindo a lxs alumnxs para que non se deixen explotar por grandes grupos mediáticos e animoulles a traballar gratis para eles mesmos ou para colectivos, pero nunca para grandes empresas que xeran enormes beneficios.

Na segunda sesión recibimos a varixs compañerxs de distintos medios de comunicación alternativos que traballan en Galicia. Desta forma, a mesa redonda estivo composta por Ana Viqueira (Novas da Galiza), Roi Ribeira (O Salto Galiza), Daniel Seijo e Hernán Tyseira (Nueva Revolución), David Lombao (Praza Pública), Mariano Fernández (Rede de Medios Comunitarios) e Isabela Lema ( CUAC FM). Tras unha breve presentación de cada medio, abriuse a quenda de preguntas onde se trataron diversos temas como o uso do galego na prensa diaria, a dificultade de chegar ao gran público, os problemas de financiamento ou a profesionalización deste tipo de medios. Como conclusión, os participantes animaron a lxs alumnxs a exercer este tipo de xornalismo, aínda que non sexa sinxelo vivir del e volveron reivindicar a importancia de non deixar que os grandes medios manteñan o monopolio mediático.