"Un reporteiro comprometido é algo máis que unha imaxe ou un millar de palabras. É un enviado especial a unha sociedade do futuro aliada coa esperanza"
¿Quen somos?

Quen somos?


A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) é unha organización sen ánimo de lucro, formada por un colectivo de profesionais do mundo da comunicación en Galicia que están comprometidos coa producción, realización e difusión de proxectos de cooperación e solidariedade, con especial dedicación ao desenvolvemento de accións sociais que estén promovidas dende a Comunidade Autónoma Galega, tratando de xerar unha muda cara a unha sociedade máis inclusiva e xusta.

Creada no mes de maio de 2008 coa apertura da primeira corresponsalía, en Pontevedra, AGARESO é unha asociación totalmente apolítica e laica, como único vínculo entre sos eus integrantes o traballo a prol da solidariedade e cooperación cos colectivos máis desfavorecidos, tentando promover, concienciar e sensibilizar á sociedade dunha realidade próxima e frecuenemente silenciada nos grandes medios de comunicación. Para iso, AGARESO non pretende xerar accións illadas, senón dar continuidade a todos e cada un dos seus proxectos.

Estrutura organizativa

  • Presidente: Juan De Sola Vollbrecht
  • Vicepresidenta: Natalia Puga.
  • Secretario: Alejandro Espiño
  • Tesoreiro: Roberto Baquero
  • Vocais: Roi Palmás Cora, Estrella López Martínez, Carlos Fariña, Loreto Costa, Ana Ramos.
  • Corresponsalía en Pontevedra: Montse Fernandez Geijo
  • Corresponsalía en Santiago de Compostela: Ana Ramos Porto
  • Corresponsalía en Vigo: Eva Alonso
  • Corresponsalía en O Salnés: Roi Palmás
  • Corresponsalía en Ourense: Ruth Sousa
  • Corresponsalía en Lugo: Óscar Vazquez
  • Delegada en Madrid: Rocío Cadahia



Obxectivos

AGARESO ten tres obxectivos fundamentais.

  • A creación dunha rede sólida, comprometida e plural no sector xornalístico e da comunicación galega que impulsa a difusión, promoción, denuncia e educación en materia de cooperación e solidariedade, mediante a creación, desenvolvemento e seguimento de proxectos de cooperación xa sexan propios ou alleos á organización. Ademais persegue potenciar a educación, formación e reciclaxe dos profesionais en tratamento e elaboración de informacións de carácter social, e ampliar a sua conciencia na abordaxe diaria da información destas temáticas, independentemente do medio no que se traballe, aplicando inflexibles códigos éticos e regulamentos específicos neste marco.
  • Servir de amplificador social ao arduo e continuado traballo que en materia de cooperación e desenvolvemento levan realizado desde hai anos diversas entidades de recoñecido prestixio. Ademais, búscase xerar vínculos e alianzas con outras organizacións de similares características, independentemente da súa estrutura, co obxectivo de crear reciprocidade á hora de deseñar novos proxectos, compartir experiencias e axuntar esforzos.
  • Facer uso de plans e programas de comunicación para o desenvolvemento coa finalidade de achegar coñecemento e habilidades na transmisión correcta de información en sociedades e comunidades desfavorecidas.

Ámbito de difusión

No marco da súa misión fundamental de sensibilizar á sociedade sobre a vulneración dos dereitos humanos (sociais, económicos, culturais e ambientais) nos países en vías de desenvolvemento e en España, AGARESO ten como valor diferencial con respecto a outras entidades a comunicación, tendo as súas accións como base o exercicio desta capacidade e disciplina tanto a través da súa faceta xornalística como a través da súa dimensión comunicadora. Así, conta con tres plataformas básicas para a publicación de artigos, entrevistas, reportaxes, material gráfico e audiovisual que integra cada un dos proxectos que se abordan desde a ONGD: o sitio web www.agareso.org e as canles de radio dixital 24 horas, AGARESO Radio (integrada desde marzo de 2010 na rede de emisoras de Nacións Unidas), e de televisión. Todos estes contidos tamén se promocionan nas redes sociais YoutubeFacebookTwitter, e na rede social propia promovida desde a ONGD:Xornalismo + ONG, que ten como obxectivo complementar as accións de AGARESO a través da web e servir de punto de contacto con outras ONG.

O principal espazo de promoción e difusión co que conta AGARESO é toda esta ampla plataforma dixital en internet, sen prexuízo de que algunhas das nosas iniciativas poidan ter unha difusión maior a través doutras canles.

Para iso, todo traballo realizado sexa cal sexa o xénero xornalístico, realizarase sen ánimo de lucro, xa sexa en concepto dos servizos prestados ou administración do material elaborado.Os contidos de agareso.org están baixo unha licenza de Creative Commons Recoñecemento-Non Comercial-Sen Obra Derivada 3.0 Unported. Esta licenza implica que calquera pode copiar, distribuir e comunicar públicamente os contidos da nosa páxina web, con dúas estritas condicións: sempre hai que citar ao autor ou autores e enlazar a agareso.org, e non se pode modificar ningún contido nin facer un uso comercial destes. Esta licenza non se aplica aos contidos asinados ou atribuíbles por terceros que ceden a súa obra a AGARESO para publicar enagareso.org. Todos os dereitos sobre estes contidos quedan estritamente reservados ao seu titular e, por tanto, non poderán ser reproducidos, distribuídos, transformados ou comunicados públicamente sen o seu consentimento expreso.

É obrigado que toda produción que se elabore para incorporar aos contidos da plataforma dixital e outras formas de difusión, teñan que cumprir rigorosamente co decálogo, manual de estilo e código ético da asociación, para asegurar o tratamento adecuado de calquera temática do ámbito social.

Actividades e proxectos

AGARESO tenta impulsar a conciencia solidaria da sociedade mediante unha interactividade constante a través de conferencias, exposicións, publicacións, cursos ou calquera tipo de evento socio-cultural que permita achegar á opinión pública os proxectos solidarios ou de cooperación e desenvolvemento realizados tanto en Galicia como noutras partes do mundo.

Coa súa labor xornalística, AGARESO pretende servir de amplificador social ó arduo e continuado traballo que en materia de cooperación e desenvolvemento levan realizado desde fai anos asociacións ou colectivos con demostrado prestixio e dedicación. Ademais, mediante a súa actividade buscarase xerar vínculos e alianzas con outras organizacións de características semellantes, independentemente da súa estrutura, co obxectivo de crear reciprocidade á hora de deseñar novos proxectos, compartir experiencias e aunar esforzos.

Buscar

Últimos comentarios