Das mulleres xitanas para todas as mulleres

Das mulleres xitanas para todas as mulleres

Ano: 2018

Lugar: Santiago de Compostela

ONGDs: AGARESO e Fundación Secretariado Xitano

Proxecto recoñecido na convocatoria Interculturalidad y acción social 2017 da Obra Social laCaixa, que contou tamén coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

Lurdes, Pilar, Amparo, Verónica, Saray, Dolores, Sabrina, Rebeca, Encarna e Tamara son dez mulleres xitanas e veciñas de Compostela que durante os meses de xaneiro e febreiro de 2018 realizaron un obradoiro de Vídeo Participativo impartido por Agareso, dentro do proxecto Promociona, capitaneado pola Fundación Secretariado Xitano e que conta coa colaboración da Obra Social “laCaixa”. O froito dese obradoiro é a curta Marcando a diferencia, ideada, guionizada, gravada e protagonizada por elas e que se estreou dous días antes da celebración do Día Internacional do Pobo Xitano, o 8 de abril, de 2018 cunha mensaxe clara: as mulleres xitanas non queren falar só das dificultades ás que se enfronta o seu colectivo, queren falar tamén dos aspectos positivos que ten a súa identidade e das cuestións negativas que afectan a todas as mulleres. E queren deixar unha cousa clara: “as mulleres novas están chamadas a marcar a diferencia”.
Na curta, unha rapaza xitana dille a súa nai que non quere seguir co negocio familiar, que lle gustaría estudiar medicina. Tralo conflito inicial, desencadéanse unha serie de encontros que nos desvelan a estrutura de apoios e de dificultades que comparten as mulleres da comunidade xitana con outros colectivos de mulleres. Especialmente, coas racializadas. E con aquelas cunha forte carga familiar e/ou de coidados. A mensaxe, ao final, é a capacidade de cambio que posúen as mulleres novas, que están chamadas a “marcar a diferencia”.
Estas dez mullers xitanas construíron a súa mensaxe a través de varios exercicios audiovisuais nos que xurdiron temas como a integración, a interculturidade, a solidariedade e o respecto. Todos eles, aseguran, “reclámanse e constrúense de xeito colectivo”. E iso é o que elas lles piden “a todas as mulleres”, cara a cara, dende unha identidade xitana orgullosa e en plena evolución, a través da campaña <strong><em>Das mulleres xitanas para todas as mulleres: Loitemos por cambiar os tempos</em></strong>, xurdida a partir do obradoiro, coa colaboración do Concello de Santiago de Compostela.

As caras de oito destas mulleres valentes protagonizan os carteis que inundan os parques, as rúas e os buses urbanos de Compostela, así como os centros socioculturais e educativos da cidade. Neles, diríxense, principalmente, ás mulleres, de toda raza e condición. Pídenlles que “loitemos por cambiar os tempos” e recórdanlles que, para facelo, poden contar coas mulleres xitanas. Que baixo a súa pel e ollos escuros, teñen moito que dicir. Son loitadoras, familiares, orgullosas e traballadoras. Poden, elas e calquera outra muller, defender un traballo como calquera. Un traballo digno. Están criando aos seus fillos e fillas para que non perdan a súa identidade, pero “marcando a diferenza”: con estudos, respecto, saúde e liberdade.

Encarna: Son unha muller xitana, perseverante e creativa. O meu desexo é que os meus fillos poida facer todo o que queiran sen que llo impidan por ser xitano. Quero que fagan o que eu non puiden facer, pero sen perder a súa esencia porque eu se volverá a nacer, volvería a ser xitana. Son madre, esposa, a veces ata doutora, e tamén conselleira.
Verónica: Son unha muller xitana, alegre e decidida. Son algo aloucada e moi tímida á vez, pero sei o que queiro e sempre loito por conseguilo. Son nova, son esposa e son nai, pero tamén creo que as novas xeracións estamos cambiando as cousas e que temos que educar aos nosos fillos de acordo cos novos tempos.
Tamara: Son unha muller xitana, decidida e alegre. Hai cousas que cambiaría na miña vida, pero en xeral son feliz. Estou moi namorada do meu marido e teño dous fillos, pero gustaríame ter outro máis porque gústanme moito os nenos. Son unha muller nova e teño aínda moitas cousas que facer e que dicir.
Pilar: Son unha muller xitana, sincera e familiar. Gústame escoitar e axudar aos meus amigos sempre que veñen a pedirme consello. De feito, teríame gustado ser médico e poder axudar a moita máis xente. Levo 24 anos casada e teño tres fillos, pero aínda me queda un sono pendente por cumprir: aprender a tocar a guitarra.
Lourdes: Son unha muller xitana, traballadora e loitadora. Fun nai moi nova, pero iso non me impediu loitar. Como muller xitana, saín adiante. Hoxe en día, son avóa feliz, orgullosa do que ves e que se adapta ao que sexa. Son feliz de ser xitana, esposa, nai e avoa.
Amparo: Son unha muller xitana, moderna e divertida. Encántame facer de anfitrioa e cociñar para os meus invitados, pero non hai cousa que máis odie que a idea de estar sometida. Son consciente do tempo no que vivo e adáptome a el. Son unha nai orgullosa e agora mesmo o único que lle pido á vida é poder viaxar e ser feliz.
Dolores: Son unha muller xitana, xenerosa e esixente. Teríame gustado ser enfermeira porque me parece moi bonito poder axudar á xente co teu traballo. É moi importante para min ser unha boa esposa e unha persoa importante para a miña familia. Quero poder coidalos e apoialos no que necesiten.
Saray: Son unha muller xitana, segura e libre. Encantaríame ter a miña propia tenda porque me gusta moito a moda. O mais importante para min é a miña familia e criar aos meus fillos para que estude e sexan o que queiran ser sen perder a súa identidade porque ser xitana é un orgullo.

Máis información

A Asociación Galega de Reporteiros Solidarios (AGARESO) é unha organización sen ánimo de lucro formada por profesionais da comunicación co obxectivo de poñer as ferramentas propias do seu sector ao servizo da Transformación Social, principalmente a través de proxectos de Cooperación Internacional, Educación para o Cambio e Acción Social. Este ano celebra o seu décimo aniversario.

Ademais do obradoiro de Vídeo Participativo e a campaña de sensibilización, Agareso desenvolveu dentro deste proxecto unha formación coas e cos traballadores da FSX e máis varios obradoiros de 100 minutos en tres IES de Compostela arredor da cultura, da historia e da identidade xitana e da súa representación nos medios de comunicación.

A Fundación Secretariado Xitano (FSX) lanzou a súa primeira gran campaña de sensibilización en 2004 co obxectivo de “desmontar os estereotipos negativos cos que se asocia á comunidade xitana, loitar contra a discriminación e tratar de mellorar a imaxe social dun dos grupos sociais máis estigmatizados e peor valorados”. Desde entón, lanzou múltiples mensaxes á sociedade española: Cidade 0, A Tatuaxe Que Máis Doe, #LeonorDejaLaEscuela, Asómate aos teus soños, Xitanos con estudos, xitanos con futuro, De maior quero ser?, O emprego fainos iguais, Os teus prexuizos son as voces doutros e Coñéceos antes de xulgalos.

Promociona é un proxecto social desenvolvido pola FSX, orientado a favorecer a normalización educativa do alumnado xitano para conseguir taxas máis elevadas de éxito académico no último ciclo de Educación Primaria e en Educación Secundaria Obligatoria, e promover a continuidade en estudos medios e/ou superiores e a formación profesional.

Os símbolos xitanos máis coñecidos son a bandeira, o himno Gelem, Gelem, a celebración do 8 de abril (Día Internacional do Pobo Xitano), os símbolos da Roda de carro e da Fogueira, así como o saúdo ‘Sastipen’ (saúde) ou ‘Sastipen thaj mestipen’ (saúde e liberdade).

Guión: Pilar Camacho, Lurdes dos Anjos, Encarna Jiménez, Amparo Salazar, Tamara Cabreira, Saray Jiménez, Alexandrina da Silva, Isabel Salazar, Dolores dos Anjos, Verónica dos Anjos

Reparto: Pilar Camacho, Saray Jiménez, Encarna Jiménez, Amparo Salazar, María Lobo

Cámaras: Tamara Cabreira, Verónica dos Anjos, Lurdes dos Anjos, Isabel Salazar

Son: Amparo Salazar, Lurdes dos Anjos

Dirección de actrices: Encarna Jiménez

Asistente de dirección: Alexandrina da Silva

Música:
Pink Flamenco, de Doug Maxwell (Youtube Audio Library)
10 bucks guitar and dental floss strings, den Mon plaisir (Free Music Archive)
Flamenco Rhythm, de Sunsearcher (Free Music Archive)

Agradecementos:
CSC Fontiñas (Concello de Santiago de Compostela)
Frutería Frutes-Dos
Romana Pérez de Lis
María Aneiros
María Lobo
Sonia Díaz
Roi Guitián

Fotografías do proceso: María Aneiros
Fotografías da campaña: Óscar Dacosta
Deseño da campaña: The Office
Proxección: Froq Eventos

Share This