A nosa saúde mental (tamén) depende de ti

A nosa saúde mental (tamén) depende de ti


A Tribo é unha intervención integral deseñada por Agareso e Igaxes e que conta co apoio da Fundación “la Caixa” dende 2018, cando celebrou a súa primeira edición, co obxectivo de loitar contra o estigma que sofre a mocidade en risco de exclusión, amosando o seu talento, a súa creatividade e a súa capacidade de esforzo e de análise da realidade.

En 2020 puxemos en marcha a segunda edición, na que participaron 22 rapaces e rapazas que decidiron tratar temas como os conflitos familiares e o abandono infantil, a vida nunha vivenda de acollida, o racismo que sofren as persoas migrantes e o estigma que acompaña as menores titeladas ou especialmente vulnerables. Podes ver aquí as curtas, os podcast e a campaña que protagonizaron, baixo o slogan Vas permitir que o comenzo marque o seu destino?

En 2022 iniciamos a terceira edición de A Tribo, na que participaron 21 rapaces e rapazas que decidiron traballar arredor da saúde mental, informándose sobre os principais transtornos que observan no seu día a día: a ansiedade, a depresión e as adiccións, para poder despois trasladar o aprendido ao conxunto da sociedade. Froito do seu traballo é a campaña A nosa saúde mental (tamén) depende de ti, coa que queren chamar a atención das familias, das e dos docentes, das e dos profesionais da saúde e da clase política. A cada un destes colectivos, diríxenlle unha mensaxe.

Ás familias pídenlles que miren máis alá dos defectos das súas fillas e fillos e saiban ver o que son capaces de conseguir.

Ás e aos docentes, pídenlles que vexan o alumnado como seres humanos con problemas de seu, máis alá dos estudos, dos deberes e de cuestións que escapan ao seu control, como a falta de concentración na aula, e que saiban ver, tamén as súas potencialidades.

Ás e aos profesionais da saúde, pídenlles que escoiten máis e con máis amor, que traten con respecto á rapazada e que sexan conscientes de que a medicación non sempre é a mellor solución. De feito, se non se atende a causa profunda do problema, a medicación nin sequera é unha boa solución.

Á clase política, recórdanlle que a infancia e a adolescencia en risco de exclusión social non pode con todo. Necesitan axuda. Necesitan moita máis axuda.

Anímaste a botarlles unha man e difundir a súa mensaxe?

COÑECE A NOSA TRIBO

Son Lorena, teño 16 anos e gustaríame ser educadora social. A Tribo somos un grupo de persoas que queremos visibilizar que cambiar o que está mal é posible. E, con esta campaña, esperamos que a xente se dea conta de que a saúde mental das e os adolescentes é moi importante e debe ser protexida por toda a comunidade.
Son Helena, son de Brasil e son unha persoa moi espontánea. Para min, A Tribo é unha familia e, con esta campaña, espero que podamos tocar o corazón de moitas persoas, para que se dean conta do que pasa no mundo.
Chámome Xiana e nacín nunha familia de 4 irmáns, son moi extrovertida e espontánea. A Tribo, para min, é un lugar no que desconectar e poder socializar con xente xenial. Espero que grazas á nosa campaña a xente abra os ollos.
Son Michell, teño 16 anos, veño de Colombia e gústame moito ler, bailar e cantar. A Tribo, para min, é familia. Un espazo no que poder expresarme libremente sen recibir críticas, senón apoio en todo o que necesite. Espero que esta campaña nos axude a escoitarnos máis entre nós e a apoiarnos entre compañeiras, amigas e familiares.
Chámome María (Isabel), teño 16 anos, son unha persoa alegre. Gustaríame ser médica e espero que, grazas a esta campaña, máis persoas aprendan sobre a saúde mental e coñezan A Tribo. Un lugar no que podemos ser nós mesmas.
Son Clara, teño 16 anos e gústame ler, escribir e a música. Para min, A Tribo é un lugar no que me fan sentir segura, comprendida e que me axudou moito a mellorar como persoa. Espero que esta campaña poida concienciar ás persoas de que a vida non vai só de mirar cara a unha mesma, senón tamén de tratar ben aos demais.
Chámome Valentina, teño 18 anos, gústame a arte en todas as súas formas e penso que os tabús deberían deixar de existir. A Tribo, para min, é un lugar no que coñecer persoas novas e discutir temas importantes para todos. Espero que a nosa campaña axude a que as persoas se reformulen as súas relacións con elas mesmas e coas demais.
Son Vitoria, a maioría de xente chámame Ryuu, teño 14 anos e este ano formo parte da Tribo, un grupo no que podo ser como en verdade son, sen medo a que me xulguen. Gustaríame poder transmitir información sobre a saúde mental que non é moi coñecida ou está mal enfocada.

Karma é algo en proceso de construción, un concepto, algo confuso. No futuro non se imaxina de ningunha maneira, porque non ve saídas laborais. Quere unha vida tranquila na que coidar de plantas, ter gatos e dar paseos pola praia. Gústalle todo o relacionado coa creación artística: audiovisuais, escribir, debuxar.

Participaron en A Tribo 22-23
Aimee Gómes Fernández “Sam”
Alisson Michell Rosero Reyes
Andrea Valentina Dos Santos Gómez
Arantxa Gago Cacabelos
Clara Victoria Tesorero Carreño
Cristian Gómez Culebras
Cristina Neta
Gabriela Sánchez Graña “Karma”
Gael Mayo Cardeso
Helena De lima Costa
Izan Ferreirós Mosquera
José Ignacio Quirós Blanco
Lorena Seoane García
Maria Isabel Bengui Faria
Maria Valentina Calvelo Giraldo
Milenka Paola Remírez Villalpando
Rosario Lojo Arias
Viktoria Kevin Sousa Cruz “Ryuu”
William
Xiana Alonso Castro
Ziel Clieth Koffi

Fotografías campaña: Andrés Fraga
Deseño e vídeo campaña: The Office

Share This