Por quinto ano consecutivo Agareso participa xunto a Asemblea de Cooperación pola Paz nun proxecto de desenvolvemento sostible en El Salvador que procura facilitar as ferramentas e capacidades necesarias á poboación que vive na costa salvadoreña para que poida vivir con dignidade facendo uso dos seus recursos naturais de forma sostible.
Neste proxecto, no que se promove a organización a través de cooperativas de produción pesqueiras, artesanas e turísticas, o aporte da nosa organización é reforzar o traballo que se fai as emisoras de radio comunitarias para aumentar a capacidade de sensibilización do proxecto e promover o desenvolvemento de medios de comunicación sociais propios.
Neste 2016 traballamos na formación do voluntariado da Radio Televisión Izcanal, emisora comunitaria de Nueva Granada, que busca, igual que nós, promover o desenvolvemento desde a comunicación. O voluntariado da emisora recibe formación en redes sociais, novas tecnoloxías, sostenibilidade comercial, audiovisual e cobertura social da man de tres persoas do noso voluntariado.
Xunta a Fundación Comunicándonos organizamos o II Encontro Centroamericano de Radios Comunitarias no que se xerou sinerxías entre 25 emisoras centroamericanas e fomentouse a acción conxuntas na defensa da igualdade de xénero e dos recursos naturais dos pobos indíxenas. Deste encontro xurde a iniciativa Comunitaria Radio, plataforma que dará respaldo ás emisións comúns de todas estas radios centroamericanas.
Por primeira vez traballamos coas mulleres artesanas da Illa Tasajera na elaboración de pezas audiovisuais e o uso das redes socias para difundir o seu traballo e o entorno turístico no que residen.
Completaranse ás accións coa formación en comunicación externa e interna da cooperativa de pescadores Fecoopaz
Nas fases anteriores formamos ao voluntariado de Tehuacán, emisora comunitaria de Tecoluca, realizamos un plan de mellora da emisora, realizamos formación de radio e sensibilización sobre medio ambiente nos centros educativos de Bajo Lempa e realizamos un audio-libro no que a través de fotografías, audios e historias trasladamos a Galicia a realidade dos beneficiarios e beneficiarias deste proxecto.
- Ámbito territorial: El Salvador
- Data: 2012, 2013, 2014, 2016
- Outras ligazóns: https://www.youtube.com/watch?v=pHQh_joaeR0 https://www.youtube.com/watch?v=TTOsMAYAHMs
- Parcerías: Fundación Cordes, Radio Izcanal, Fundación Comunicándonos
- Principal Financiador: Xunta de Galicia: 219.000€
- Socios: Asemblea de Cooperación pola Paz
- Web do proxecto: http://www.acpp.com/acpp-y-agareso-apuestan-por-el-fortalecimiento-de-las-radios-comunitarias-de-el-salvador/