A ONGD visibilizará distintas fases do proxecto, unha actividade didáctica para a prevención do consumo de drogas en adolescentes en centros galegos de ensino secundario, ciclos formativos e bacharelato.
Trátase dunha experiencia pioneira en educación que se enmarca nas actividades do Proxecto Carmela Arias-UTE Teixeiro e que utiliza como espazo común en rede www.educabarrie.org, a web da canle educativa da Fundación, e o blog http://di-k-non.blogspot.com.
O obxectivo de 'Di-k-non' é que os adolescentes elaboren estratexias para previr o consumo de substancias psicoactivas. O taller, creado polo equipo multidisciplinar da Unidade Terapéutica Educativa de Teixeiro, está aberto a todos os centros educativos galegos interesados en participar.
'Di-k-non' tivo unha grande acollida por parte da comunidade educativa e programáronse dez obradoiros con centros galegos entre outubro e maio de 2012, de maneira que preto de 1.500 escolares participarán da experiencia.
O obradoiro de prevención diríxese especialmente a alumnos de educación secundaria, bacharelato e ciclos formativos por ser un grupo de risco e a idade de inicio do consumo de drogas. A proposta trata de axudar aos adolescentes a elaborar estratexias proactivas e preventivas ante o consumo de drogas, a partir de información e actividades de orientación e reflexión coa participación dos internos da Unidade Terapéutica Educativa de Teixeiro.
O obradoiro desenvólvese dun modo bidireccional: os internos teñen a oportunidade de contribuír á prevención dun problema que padeceron e á comunidade educativa ofréceselle un proxecto innovador apoiado polos profesionais do equipo multidisciplinar da UTE Teixeiro.
'Di-k-non' acompáñase dunha guía didáctica con actividades para antes, durante e despois das sesións de traballo e documentación de apoio que se poden descargar en www.educabarrie.org e que foron elaborados polo equipo da UTE co asesoramento do gabinete de mestres de educaBarrié. Dende o blog do proxecto, di-k-non.blogspot.com, os profesores e alumnos que asisten ao taller e a comunidade educativa en xeral poden intercambiar ideas e realizar suxestións.
Coñece a primeira incursión de AGARESO no ‘Di-k-non’ neste enlace >>>>.
Coñece a segunda incursión de AGARESO no ‘Di-k-non’ neste enlace >>>>.
Coñece a incursión de AG Radio no 'Di-K-Non' neste enlace >>>>.











